mércores, 25 de xuño de 2014

Milfollas de cereixas

Como levades estes días de lumeiradas e sardiñas??? Eu, ademais de aproveitando para descansar, pois cociñando e probando diferentes pratos xa que en Covas (Viveiro) estamos de festas. Si, que non só se celebra o San Xoán na Coruña, haha! Así pois, é o momento de nos atrever con novas receitas, especialmente con sobremesas que tiñamos en mente desde había tempo.
A primeira destas, que hoxe vos traemos, ten como elemento principal a cereixa. E é que coincidiu á perfección xa que estabamos agardando a que a cerdeita estivese no seu punto para recollelas, e foi xusto en tempo de festas :-)  Coido que a elección non puido ser mellor, alén do beneficio ser froita da casa, a cereixa é coñecida como a superfroita polas súas múltiplas propiedades: axudan á saúde cerebral, reducen o risco de diabete, achegan fibra, teñen efectos anti-inflamatorios, potasio, magnesio... e si, están moi moi boas!
Por iso, tiñamos que facer unha sobremesa que xirara arredor desta froita e probamos sorte cunha completa milfollas de cereixas. A ver que vos parece ;-)

Milfollas de cereixas

Ingredientes:
  • Dúas láminas de follado
  • 800 gr de cereixas
  • 600 gr de nata
  • 5-6 culleradas de azucre



Elaboración:


Para comezarmos, temos que estirar as láminas de follado e facer 3 rectángulos iguais. Forneamos a 200º, calor arriba e abaixo, durante 20 minutos ou até que vexamos que estean douradas. Deixamos arrefríar. Cando arrefríen podemos cortar os bordos de cada un para que se vexan as milfollas que teñen.


Mentres, preparamos o recheo. Temos que lavar e desosar as cereixas. Reservade 20 metades das cereixas para a decoración final e o resto triturámolo lixeiramente co batedor eléctrico. 




Montamos a nata co azucre e, cando estea preparada, mesturamos coas cereixas trituradas. Podemos reservar unha pouca de nata soa para decorar.  



 Chegou a hora de montar a nosa torta! Colocamos na fonte un rectángulo de follado e colocamos a metade do noso recheo. De seguir, colocamos outra base de follado e a outra metade da crema de cereixas. Poñemos a última capa de follado e estendemos unha lixeira capa de nata. Decoramos coas cereixas e temos de deixar arrefríar durante 2-3 horas, como mínimo. E lista para comer!




Unha sobremesa espectacular que me encantou polo sabor diferente doutros pratos semellantes. Esta milfollas evidentemente é doce, mais non nos aborrecerá como outros doces por ese toque de frescura e pola esa mínima acidez que posúe. Deste modo, un cacho desta milfollas deixaranos satisfeitos xa que é moi farturenta debido ás varias capas, mais para nada empachados. A pesar da súa apariencia, como vistes co proceso, non é nada complexa de elaborar así que podedes probar sorte agora no verán xa que veñen moitísimas festas e aquí celebramos todo comendo XD Bo mércores lambisqueir@s! 

2 comentarios: