sábado, 28 de xuño de 2014

Milfollas de chocolate

Xa vos dixemos que o San Xoán en Covas deu para moito, e por iso hoxe traémosvos unha nova versión da milfollas. Se o outro día presentabamos a de cereixas, hoxe imos cunha para @s máis chocolateiros, aínda máis doce que a anterior.
As milfollas véndense normalmente en tamaño individual (pastel) aínda que non é estraño encontrarnos con tortas como a que nós fixemos, ideais para celebracións. Parece ter a orixe en Francia, aínda que tamén hai quen di que en España, e o recheo máis frecuente vén sendo crema, merengue ou incluso chocolate, como aquí nós fixemos. Aí vai:


Milfollas de chocolate

Ingredientes: 
  • Dúas láminas de follado
  • Crema pasteleira de chocolate (receita aquí)
  • 125 gr de chocolate con leite
  • 75 gr de chocolate branco
Elaboración:

Para comezarmos, temos que estirar as láminas de follado e facer 3 rectángulos iguais. Forneamos a 200º, calor arriba e abaixo, durante 20 minutos ou até que vexamos que estean douradas. Deixamos arrefríar. Cando arrefríen podemos cortar os bordos de cada un para que se vexan as milfollas que teñen.




Mentres, aproveitamos para facermos a crema pasteleira de chocolate. Colócamos a primeira capa do follado nunha fonte e botamos unha capa da crema. Cubrimos con outra placa de follado e, de novo, estendemos o chocolate. De seguir, poñemos o outro rectángulo de follado. 






Para a decoración, temos que fundir o chocolate con leite ao microndas ou ao baño maría, e estendemos unha fina capa sobre o follado. A continuación, fundimos o branco e, coa axuda dunha culler, facemos debuxos sobre o chocolate con leite. Deixamos arrefríar, como mínimo, 4 ou 5 horas no frigorífico e lista para comer!! Se pode ficar unha noite no frigo, aínda estará máis saborosa :-)



Se a de cereixas estaba boa, esta... impresionante. Con todo, depende un pouco do voso gusto, claro. Talvez a clave desta estea en facer unha crema bastante lixeira para non empacharmos xa que leva bastante cantidade e por tanto é moi doce. E como vedes, pouco máis sinxela pode ser. Con moi pouco traballo podedes lograr unha das tortas máis saborosas que hai. O recheo xa o decides mentres tanto, podedes darlle o voso toque persoal claro. Aquí deixámosvos unhas boas ideas ;-) Pasade boa fin de semana lambonciñ@s! 

2 comentarios: