sábado, 17 de maio de 2014

Torta de millo de Guitiriz


E chegou o 17 de maio, o Día das nosas letras!! Había xa tempo que pensara en facer algo para un día tan significativo para a Galiza e sabéndomos que Xosé María Díaz Castro é o autor honrado e o territorio co que ficou máis ligado foi Guitiriz, cheguei á conclusión de que a idea dunha torta de Guitiriz, da que xa tiña ganas, sería óptima.
Realmente, este 17 de maio, é un día para aproveitarmos e celebrarmos a enorme valía da nosa literatura, mais tamén da lingua que nolo permite e que nos identifica como o que somos. Para moit@s, Xosé María Díaz Castro será un poeta como @s anteriores, co que cumprir o trámite destes días e posteriormente esquecer. Mais penso que é compromiso obrigado para nós (re)coñecer e valorar as nosas grandes figuras literarias e elevalas como modelo eterno.
Entre tantas actos forzados que se ven nestes días, aquí pretendo facer unha humilde homenaxe gastronómica a quen para min é autor dunhas composicións poéticas dun valor inmenso, alén do coñecidísimo Penélope. Precisamente botei man duns dos seus versos que máis aprecio para esta torta tradicional á que lle demos un toque persoal e poético:

Torta de millo de Guitiriz

Ingredientes:
  • 110 gr de fariña de millo
  • 110 gr de fariña de forza
  • 200 gr de azucre moreno
  • 150 gr de manteiga
  • 7 ovos
  • 1 sobre de lévedo en po
  • A reladura dun limón
  • Un chisco de viño de Oporto
  • Un chisco de sal
Elaboración:

Para comezarmos, batemos a manteiga, a temperatura ambiente, co azucre, a reladura do limón e o viño. De seguir, engadimos os ovos, un a un, e o sal.









Pouco a pouco, agregamos as fariñas mesturadas (previamente peneiradas) co lévedo até obter unha mestura homoxénea. Se vedes que vos queda algún bolo, podedes utilizar o batedor eléctrico. 









E, para finalizar, vertemos a masa no molde e enfornamos a 180º, calor abaixo e ventilador. Deixamos arrefriar un pouco e xa estaría listo para comer. Como vedes, é moi sinxelo!



Nós para que a homenaxe fose máis evidente, escribimos uns fabulosos versos sobre este delicioso biscoito. Nesta fin de semana tedes unha moi boa oportunidade para probar a facer este clásico gastronómico e a mellor forma de desfrutalo será acompañándoo da lectura do noso autor.
Esperemos que vos guste a torta e a dedicatoria que facemos a quen esperemos que se estabeleza xa como autor de referencia.  


E, como a cociña, acompañada de literatura sabe moito mellor, deixovos un dos poemas de Díaz Castro que máis me gustan e do que collín os versos para a decoración. Bo Día das Letras Galegas e grazas ao autor por nos deixar unha obra non moi extensa mais si intensa! Desfrutade dela e tamén da doce torta lambisqueir@s, que está boísima!

Esmeralda
Herba perquerrechiña
que con medo sorrís
ó sol que vai nacendo
e morrendo sen ti,
¿por que de ser pequena 
te me avergonzas ti?
¡O universo sería 
máis pequeno sen ti!

4 comentarios:

  1. Moi bonita a túa homenaxe a Díaz Castro e á súa tribu de Guitiriz. A Terra Chá o seu universo. Probarei de facer a torta. Graciñas. @PacoRoca1

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitas grazas polo teu comentario e pola túa visita! Alégrome de que che guste a receita e espero que, se a fas, me envíes unha foto co resultado para pór no blogue!
      Un saúdo!

      Eliminar
  2. Un post fantastico asi como la torta de millo ,tomo nota que me han traido un kg de harina de millo para hacer una empanada y como me ha dicho que no se la tengo que poner toda pues la hayq ue mezclar con harina de trigo tambien ,seguro me sobra para hacer la torta.
    Bicos mil wapa.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Se a fas, non dubides en mandarnos a foto ou, no seu defecto, un anaquiño para probar que seguro que che sae deliciosa!
      Unha aperta :D

      Eliminar