domingo, 25 de maio de 2014

Calzone de pavo e cogomelos

Hoxe volvo cunha das miñas debilidades, a pizza, aínda que nun formato diferente. Como me apetecía probar algo novo, decidín facer un calzone. Como xa sabedes, ten a súa orixe en Italia, e a min todo o que vén da cociña italiana, pérdeme; aínda que non chega ao nivel da nosa gastronomía, claro. Concretamente a súa orixe está en Napoli e parece que foi o primeiro modelo de pizza, antes das típicas que hoxe triunfan polo mundo adiante.
Para min é evidente a similitude coa empanada galega, xa que se comparte a idea, unha masa fechada e chea. Con todo, os produtos utilizados non son os mesmos, e para esta calzone tiramos moito máis do tomate, por exemplo. Aí vos vai a nosa calzone, moi lixeira e que saíu moi moi saborosa:

Calzone de pavo e cogomelos

Ingredientes:
  • Masa de pizza (receita aquí, nós usamos a mesma que para a empanada)
  • 1 tomate
  • 1 allo
  • Mozzarella ao gusto
  • 5-6 lascas de pavo (ou xamón iorque)
  • 8 cogomelos
  • Media cebola
  • Especias ao gusto (ourego, alfábega, estragón...)

Elaboración:

Para comezarmos, após a elaboración da masa, preparamos a salsa de tomate triturando o tomate co dente de allo e as especias que máis nos gusten. O feito de poñermos tomate natural na pizza vaille dar un plus de sabor moi importante, acrecentado co toque de allo. Tedes que gastar un pouco de tempo, mais xa vos digo que compensa.


Estiramos a metade da masa da pizza sobre un papel de forno e extendemos unha fina capa do mollo de tomate, un pouco da mozzarella ben repartida e, se quixerdes, unhas poucas de especias. Despois, colocamos o pavo ou o xamón iorque (nós botamos man do pavo neste caso), os cogomelos e a cebola cortados finamente. 



 Estiramos a outra metade da masa e cubrímola cos ingredientes, como dunha empanada se tratar. E para min un dos puntos clave desta calzone está en botarlle posteriormente mollo por riba e especias ao gusto. Nós no centro colocamos un anaquiño de queixo como decoración. 


 Enfornamos a 200º, co gratinador e o ventilador, durante 20 minutos, aproximadamente. E lista para comer!! 


Que boa que está! Unha das claves do seu éxito está no feito de que, ao ser pechada, os aromas da cocción quedan dentro e o sabor vese moi intensificado. En moitos lugares adoitan facelo sen a última capa de tomate, mais coido que é imprescindíbel para facer a masa máis apetecíbel e dixestiva. 
Eu fíxena para comermos tres, mais xa sabedes, podédela facer do tamaño que quixerdes, mesmo individuais, estilo moi vendido nas rúas italianas. 
Aínda vos deixo outra idea para os que sodes de moito apetito: probade a facer dobre pizza, isto é, na capa superior volver a pór algún produto como pavo. Para algúns/algunhas será demasiado farturento, mais xa vos adianto, que para outr@s será unha marabilla alimenticia.
Desfrutade deste calzone en calquera comida da semana, e probade a facela cos ingredientes de que máis gustedes. Aquí vos queda unha opción fantástica, moi lixeira e saborosa. Bo domingo lambonciñ@s ;-)

4 comentarios:

  1. Te ha quedado un calzone de relujo y lo mejor es que estaria de muerte de relenta con esos ingredientes ummmmmmmmmm de buena gana me llevaba un trozo para mañana.
    Bicos mil y feliz domingo wapisimaaaaaa.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitísimas grazas! Un día temos de organizar unha comida para probarmos as nosas receitas, hahaha!
      Unha aperta e feliz semana!

      Eliminar
  2. ¡Mmmmmmmm delicioso!

    ¡Quedouvos cunha pinta excepcional! ¡Parabéns! Ainda que sinto non poder probalo... :(

    ¡Unha aperta e boa semana!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitas grazas polo teu comentario!! Para a próxima, gardámosche un anaquiño...;) ou o que lle dixen a Nenalinda, organizamos un xantar para intercambiar pratos :D:D
      Un bico e feliz semana!

      Eliminar