xoves, 29 de maio de 2014

Crostatas de crema de cacao con avelás

Está a piques de chegar xuño e aquí seguimos con tempo chuvioso. Hai que ser positiv@s, entón o bo destes días é que son óptimos para nos meter na cociña e facer algunha destas sobremesas que tanto nos gustan... A receita de hoxe parte da coñecida torta italiana, a crostata, mais como prefería unhas galletas pois reducina en tamaño utilizando a mesma masa e así cheguei a estas doces crostatas de crema de cacao con avelás. Evidentemente, vós podédeslle botar outro tipo de crema por arriba, ou mesmo froitas, aínda que eu tiña ganas de chocolate estes días :-) Son moi moi sinxeliñas de facer e están para non deixar unha.

Crostatas de crema de cacao con avelás

Ingredientes:
  • 250 gr de fariña
  • 150 gr de azucre moreno
  • 150 gr de manteiga
  • 50 gr de fariña de millo
  • 1 ovo
  • 1 culleriña de lévedo
  • Chisco de sal
  • Crema de cacao con avelás



Elaboración:

Para empezar, temos de mesturar todos os ingredientes (as fariñas, o azucre, a manteiga a temperatura ambiente, o ovo, o lévedo e o sal) até obter unha mestura homoxénea. De seguir, envolvemos a masa en papel transparente e refrixeramos durante 30-45 minutos. 










A continuación, facemos pequenas boliñas coas mans e esmagámolas para darlles a forma. Colocámolas sobre unha bandexa de forno e, coa axuda de dúas culleriñas, botámoslles un pouco da crema de cacao e avelás. Outra opción sería, se a alguén non gostase desta crema, trocear un pouco de chocolate e colocalo na masa. 





Xa para rematar, enfornamos a 170º, calor arriba e abaixo co ventilador, durante 10 minutos ou até que vexades que a crema endureceu un pouco, mais botádelle un ollo para que non se vos pase. Deixamos arrefriar un pouco e perfectas para comer!! Que vos aproveiten larpeiriñ@s!!



Unha última aclaración, non sei moi ben o motivo, mais a verdade é que me sorprendeu moitísimo o sabor destas crostatas, xa que lle encontrei moitas similitudes coas típicas bolachas danesas (as da caixa azul, si), aínda que algo modificado polo chocolate. Probade vós, para ver se vos pasa o mesmo. De todas maneiras, para a próxima farei a masa soa, e veremos que pasa :-) Pasade bo día :-)

2 comentarios:

  1. Vaia idea!! Xa teño que facer este sábado, jajaja. Xulián.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Non esquezas enviarnos a túa foto e moitas grazas polo teu comentario!
      Un saúdo!

      Eliminar