[...]
Arrimei o pote ó lume
con augua para quentar.
Mentras escaravellaba
na cinza, vin relumbrar
un ichavo da fertuna...
Miña Virxe do Pilar!
Correndiño, correndiño
o fun en sal a empregar.
Máis contenta que unhas páscoas
volvín a porta a pechar
e na miña horta pequena
unhas coles fun catar.
Con un pouco de unto vello
que o ben soupen aforrar
e ca fariñiña munda
xa tiña para cear.
Fixen un caldo de groria
que me soupo que la mar,
fixen un bolo do pote
que era cousa de envidiar.
[...]
Estamos de festexo, no día da nosa poeta nacional. Este 24 de febreiro sumámonos á iniciativa da Fundación Rosalía para a elaboración do Caldo de gloria que Rosalía de Castro nos presentou en 1880, no poema "Miña casiña, meu lar" e que refire un dos pratos máis representativos da nosa gastronomía, da cociña tradicional, da casa, familiar.
Precisamente, nos versos que podedes ler por completo aquí, presenta unha figura popular, unha muller que pasa por diversas penurias económicas e que non encontra axuda na veciñanza mais que ten o acubillo do seu humilde fogar, onde executa un caldo con pouca cousa, mais suficiente para se achegar á ledicia. Con moi pouco tamén se pode lograr a felicidade.
Ben, pois esta Rosalía que tanto nos inspira, deixounos as pautas e a provocación para crear por primeira vez o caldo galego, partíndomos da clásica receita de Picadillo, de 1905.
Caldo de gloria (Rosalía de Castro)
Ingredientes:
- 400-500 g de nabizas
- 250 g de fabas
- 2 patacas grandes
- 30 g de unto/touciño
- Abundante auga (depende da pota)