Amosando publicacións coa etiqueta pirixel. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta pirixel. Amosar todas as publicacións

sábado, 31 de decembro de 2016

Navallas á prancha con aceite e allo

Chegou o último día do ano mais vimos igualmente con receita, coa derradeira deste 2016. E con algunha sorpresa máis pois como xa sabedes, onte foi o noso 3º aniversario. Si, que rápido pasa o tempo. Xa tres anos pola rede convosco, tres anos de lambetadas, salgados, artigos e moita ledicia da vosa man. Así pois, a noticia para estes tres anos é a chegada de Bolboretas no bandullo a Youtube. Unha noticia que xa adiantáramos na Sala Capitol no LGx15 mais que agora vos presentamos a tod@s. Xa podedes visitar a nosa canle e ollar o vídeo de chegada no que anunciamos a primeira videoreceita co novo ano, concretamente no 8 de xaneiro Youtube: Bolboretas no bandullo. Agardámosvos neste novo formato que non lle restará tempo nin espazo a este senón que o complementerá.
E voltándomos ao comestíbel, presentámosvos un luxo de Nadal co que despedirmos 2016. Un manxar que tiñamos encaprichado desde hai tempo e que cumprimos coa excusa destes días de celebración. Cremos que este é o modo máis sinxelo de preparar as navallas, mantendo ao tempo o seu propio sabor. Desfrutámolas moitísimo. Agora, xa tedes en disposición a receita para seguirdes:


Navallas á prancha con aceite e allo


Ingredientes:

  • 800 g de navallas
  • Aceite
  • Sal
Para a salsa:
  • 100 ml de aceite
  • 2 dentes de allo

martes, 27 de setembro de 2016

Tabbouleh

Din que extremos non son bos mais nós adoramos pasar do prato máis doce e larpeiro ao máis lixeiro e saudábel sobre todo porque representa a alimentación do día a día. Tentamos coidarnos preparando receitas como este tabbouleh mais se chega o sábado e hai ocasión de devorar unha torta, non imos dicir que non, claro.
Moit@s de vós talvez non coñezades este prato aínda que nos últimos anos se está facendo máis visíbel en Europa. Ben, pois o tabbouleh, como podedes intuír polo nome, é de orixe árabe, concretamente da zona de Siria e Líbano, onde se adoita utilizar como acompañante doutros aperitivos. Consúmese especialmente nos meses de máis calor, xa que esta ensalada está pensada para degustar fría. O ingrediente clave é o bulgur. Nós encontrámolo na rúa San Andrés da Coruña, no Recuncho do Granel, onde teñen moitísimos produtos ecolóxicos e integrais. A nosa primeira experiencia co bulgur, o grao do trigo, foi moi satisfactoria e levounos a esta verdadeira delicia que tamén poderedes preparar con cuscús en caso de non encontrardes o Bulgur. De feito, en moitas zonas do Magreb preparan o tabbouleh con cuscús. Verédelo tamén na rede con variantes como tabule ou taboule. Chamémoslle dun xeito ou doutro, é unha opción a ter moi en conta para lograrmos unha dieta variada e equilibrada.

Tabbouleh



Ingredientes:

  • 200 g de Bulgur (ou cuscús)
  • 400 ml de auga
  • 150 g de queixo feta
  • 12-15 tomates cereixa
  • 2-3 culleradas de aceite de oliva
  • O zume de 1/2 limón
  • Unha presa de pirixel

sábado, 2 de xaneiro de 2016

Ameixas á mariñeira

Feliz ano, bolboreteir@s!!! Xa estamos a pleno rendemento no 2016, non é? Ou algúns e algunhas aínda non se recuperaron da noitevella?
Pois hai que recoller forzas para afrontar este novo ano coa máxima das ilusións e enerxías. Este ten que ser o noso e o voso ano. Adiante!
E por iso comezamos cun prato de altísimo nivel, un clásico galego que se pode encontrar en numerosísimos restaurantes do país. Certo é que as ameixas á mariñeira non son para se faceren todos os días, principalmente pola cuestión económica, mais tamén sabemos que poucas opcións hai mellores para un xantar ou cea especial. De todas formas, non todo o mundo se pode permitir mercar ameixas para días así, principalmente por seren un número de comensais abundante o que fai un prezo dificilmente asumíbel. Por iso cómpre non desbotar a receita ás primeiras de cambio, xa que teriamos outras opcións máis económicas como berberechos ou mexillóns, tamén moi saborosas e perfectas para facer con este mollo.
Nós tiramos este luxo do maxín con motivo da noitevella e tamén por ese segundo aniversario de Bolboretas no bandullo que tan ledos nos ten.
Recordade que imos sortear unha táboa de turrón caseira de chocolate e uns nevados natalicios. De momento, xa temos máis dunha decena de participantes. Con todo, tedes aínda todo o día de hoxe e mañá até as 23 para comentardes nesta entrada do blogue, ou rechouchiardes algún dos nosos chíos en Twitter. O luns procederemos a enviar o premio ao ganador ou ganadora, para ver se o pode desfrutar para a xornada de Reis. Un agasallo humilde mais queriamos ter un detalle con tod@s vós, que logrades que isto siga adiante coa máxima ilusión.


Ameixas á mariñeira

Ingredientes:
  • 2 kg de ameixas 
  • 2 cebolas grandes 
  • 3 dentes de allo 
  • 1 vaso de viño branco 
  • 1 vaso e medio de auga 
  • 1 cullerada de espesante instantáneo 
  • Unha pastilla de caldo de peixe 
  • Unha culleriña de pemento doce 
  • Unha culleriña de pemento picante 
  • Un pouco de pirixel 

martes, 17 de novembro de 2015

Faragullas de pescada

Non queremos que pensedes que nos esquecemos do peixe, eh! Que ben bo que está, aínda que talvez o deberiamos aumentar na nosa alimentación. E un dos que sempre temos a man é a pescada, xa que o consideramos superversátil e recorrente.
Mais para que vexades que non todo está planificado na cociña e non todo sae ben, contámosvos como chegamos a esta receita. De seguro que vos teñen pasado cousas parecidas:
Tiñamos pensado aproveitar media pescada que tiñamos no forno para lle sacar uns filetes e facelos á grella. Mais claro, era a nosa primeira vez para dito labor. E fracasamos, haha. Non fomos capaces de lamilas a pescada, a falta de experiencia pagouse desta volta. Mais claro, non iamos desaproveitala, por suposto que non. E o que fixemos foi retirar os anacos que desfixemos na tentativa, para elaborar unha receita con eles. E isto foi ao que chegamos:

Faragullas de pescada



Ingredientes (para 2 persoas):
  • 1/2 pescada
  • 1/2 cogombro
  • 2-3 dentes de allo
  • 1 presa de pirixel
  • 1 chili
  • 2 culleradas de aceite

sábado, 1 de febreiro de 2014

Pescada en mollo verde

Hoxe toca unha receita ben diferente das que fumos presentando até o de agora. Xa era hora de termos no blogue un prato con peixe, e neste caso optamos polo preferido das galegas e galegos, a pescada (tamén chamada peixota). Un peixe que mesmo adoita gustar aos máis reacios a comer todo aquilo que veña do mar ou río, xa que posúe unha textura e sabor fabulosos. Ademais, como ben sabedes, é un produto típico da nosa zona, concretamente do porto Celeiro, onde se celebra no verán a festa gastronómica dedicada á pescada con moi diferentes versións. Recomendámosvos que vos pasedes un ano porque merece moito a pena. É, sen dúbida, unha das xoias gastronómicas e económicas da Mariña luguesa.
A súa carne tan esponxosa permite moi diferentes preparacións culinarias aínda que nós optamos por un clásico, a pescada en mollo verde, un éxito garantizado.

Pescada en mollo verde

Ingredientes:
  • 6-7 toros de pescada
  • 300 gr de ameixas
  • 200 gr de gambas
  • 1 cebola grande
  • 2-3 allos
  • Unha presa de pirixel
  • 1 vaso e medio de viño branco
  • Auga
  • Fariña
  • Chile picante (opcional), sal, pementa negra