Amosando publicacións coa etiqueta mel. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta mel. Amosar todas as publicacións

xoves, 9 de xaneiro de 2025

Solombo en salsa de mel e mostaza

Bo día, bolboreteirxs! Feliz ano 🥂! Como se presenta este 2025? Para nós, cheos de ilusión e preparándomos o primeiro aniversario da peque e o máxico día de Reis! 

E, ademais, hoxe traémosvos a primeira receita do ano 🤩 e, neste caso, facemos unha carne cun sabor espectacular, e adictivo 🤤! É ideal para facérmola un día de celebración ou simplemente para alegrármosnos cunha comida deliciosa 😋! 


Solombo en salsa de mel e mostaza


Ingredientes: 

Para o mariñado: 
  • 1,5 kg de solombo 
  • 1 cullerada de allo en po 
  • 1 cullerada de cebola en po     
  • 1 cullerada de pemento doce      
  • 1 cullerada de pemento picante 
  • 1 cullerada de ourego 

domingo, 10 de outubro de 2021

Biscoito de pexegos e améndoa

Bo día, bolboreteir@s. Como estades?? Chegamos nesta noite de Domingo das mozas (viva o San Froilán!) para vos traer unha outra alternativa para os almorzos ou sobremesas.

Nós, no procura dunha primeira comida do día algo máis saudábel e variada, estamos eliminando os cereais que adoitabamos comprar (azucarados, chocolate...) e no seu lugar adoitamos comer unha froita con café ou biscoito caseiro. Así pois, despois da elaboración do último biscoito, de froitos vermellos, optamos por este cos pexegos como protagonistas. Uns pexegos de final de tempada que chegaron de agasallo dos veciños de Xinzo e que lle tiramos rapidamente proveito. 

Pois ben, substituímos o azucre por mel e contamos con fariña de améndoa que aínda que é bastante máis cara dálle máis sabor a estas receitas. O resultado... aquí!



Biscoito de pexegos e améndoa


Ingredientes:

  • 8-9 pexegos grandes
  • 360 g de fariña de améndoa        
  • 200 g de mel
  • 6 ovos
  • A reladura dunha laranxa

mércores, 13 de febreiro de 2019

Costela á mostaza e ao mel

Ola, bolboreteir@s!!! Como vai todo!! Por aquí andamos moi contentos pois xa vemos o Entroido próximo, ou máis ben xa nos relambendo, pois xa temos a cociña chea de aromas de cocido, roscas e freixós. Mmmmmmmmm...
Mais hoxe non toca larpeirada senón un prato de día a día, deses recursos ben prezados que nos ofrece unha variante para unha materia prima habitual. A costela en ocasións, nalgúns cociñados, ten como inconveniente o feito de ficar algo seca. Non é este caso, onde se nos desfai con meterlle o coitelo e presenta un sabor ben ben gustoso. Ollade!



Costela á mostaza e á mel



Ingredientes:


  • 1 tira de costela
  • 5 culleradas de mostaza
  • 3 culleradas de mel

martes, 23 de xaneiro de 2018

Peras en salsa de cítricos

Bo día, bolboreteir@s! Como vai todo? Por aquí seguimos argallando receitas saudábeis aínda que é certo que esta fin de semana pecamos cos ansiados freixós (aí vos queda receita en vídeo, que xa vai tocando). Son a nosa perdición e talvez sexan a nosa lambetada preferida que tamén actúan como símbolo da repostaría galega.
Ben, deixando a xoia do Entroido a un lado, andabamos preocupados porque desde que comezamos con estes pratos sans non presentaramos ningunha sobremesa e non queremos que fiquen desconectados estes dous elementos. Así pois, démoslle unha volta a un dos nosos libros favoritos, "Cocina sana para disfrutar" de Isasaweis e chegamos a esta idea, que collemos prestada para vos presentar.
Gustounos pola asociación da pera cos cítricos xa que adoitan ir por separada. Chamounos a atención e efectivamente comprobamos que o resultado non deixa indiferente. Agora, é a vosa quenda.



Peras en salsa de cítricos



Ingredientes:

  • 3 peras
  • 2 laranxas 
  • 1 limón
  • 1 rama de canela
  • 1 cullerada de vainilla

sábado, 23 de abril de 2016

Costelas con salsa barbacoa

Benqueridos amigos e amiga, chegou o día preferido da semana. Xa é fin de semana e por riba, nova receita de Bolboretas no bandullo de agasallo, ideal para afrontar con forza a última semana de abril.
E tiramos unha outra vez de clásico. Xa sabedes que gustamos da combinación entre pratos máis tradicionais e outros innovadores. Pois ben, a costela con salsa barbacoa é unha receita que, non sendo propia de Galiza, nin moito menos, todo o mundo coñece. Principalmente por ese mollo característico que normalmente mercamos no supermercado mais que desde hoxe seguro que o deixades para o facer na casa.
De feito, a salsa barbacoa é unha das nosas salsas preferidas e críamos que xa ía sendo hora de nos animar con ela. Ademais, que sempre nos chamou moito a atención os elementos que dela formaban parte (coca-cola, mel, vinagre...). Soa estraño, haha.
E como as salsas de por si soas perden sentido, optamos por ir ao seguro cunha costela de porco. Pouco vos podemos dicir, cremos que xa intuídes o resultado :-)

Costelas con salsa barcaboa

Ingredientes:

Para a costela:
  • 2 tiras de costela
  • Pementa moída 
  • Sal
Para a salsa barbacoa:
  • 1 cebola 
  • 4 dentes de allo
  • 1 vaso e medio de Kétchup
  • 3 culleradas de mostaza
  • 3 culleradas de mel

martes, 12 de abril de 2016

Berenxenas ao mel

Vaia primavera invernal que temos, non vale moito para saír da casa. Así que, a argallar na cociña nos tempo libre que nos fica.
Estes días non se fai máis que falar da "Feria de Abril", desa grande troula sevillana. E claro, con Sevilla ás voltas, a nós veunos á cabeza o noso paso por esta cidade hai uns meses. E si, algún que outro prato gorentoso que degustamos naquelas fabulosas terrazas. E por que non animarnos a revivir momentos tan saborosos?
Por tanto, optamos hoxe por unha das larpeiradas que máis nos sorprendeu, e coa que pechamos a nosa viaxe por Andalucía, deixando moi bo sabor de boca. Realmente, xa as probáramos en Granada, nos aperitivos ao que nos convidou Puleva. Dicimos que nos sorprendeu porque nós apenas gustamos do mel, e cando fai parte dun prato, é difícil que pase desapercibido.
Porén, berenxena e mel parece que foron creados para se xuntar posto que calquera dos dous gana ao se combinar co outro. Unha mestura crocante, de suavidade e intensidade, que consideramos toda unha revelación. Que opinades?

Berenxenas ao mel


Ingredientes (para 2 persoas):


  • 1 berenxena
  • 1 cervexa
  • 2-3 culleradas de mel
  • 2 culleradas de fariña
  • Un chisco de sal
  • Aceite para fritir

sábado, 18 de xullo de 2015

Pan de mel e queixo

Sábado de moitos festexos na Galiza polo pasado Carmen, e especialmente en Viveiro, onde nos preparamos para a última xornada do Resurrection Fest. Mais, nós non paramos, nin moito menos. Cremos que xa vos temos dito da nosa debilidade polo pan, así que sempre que podemos probamos cun pan clásico ou cun máis innovador, como sucedeu desta volta. O caso é meter as mans na masa, que nos encanta!!
Ben, pois como normalmente facemos o pan de trigo, millo ou centeo, queriamos argallar para lle dar un toque algo diferente e aproveitándomos algún produto que tiñamos pola casa, chegamos a esta suculenta idea: pan de mel e queixo.
A pesar de o mel e o queixo teren certa intensidade, nesta receita, apenas chegan para lle dar un sabor suave ao pan, mais sen alterar demasiado a esencia. Iso si, faino desde logo moi especial e apetitoso. Ollade que bo:


Pan de mel e queixo


Ingredientes (para 4 panes):
  • 200 gr de fariña
  • 100 ml de auga
  • 25 gr de queixo relado
  • 20 gr de mel
  • 10 gr de lévedo de panadaría