Amosando publicacións coa etiqueta bitácora portuguesa. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta bitácora portuguesa. Amosar todas as publicacións

martes, 11 de outubro de 2016

Bitácoras de aquí e acolá: A casinha das bolachas

Sabedes o que gustamos de argallar para o blogue, verdade? Procuramos novas formas de vos entreter, de aprendermos e darlle novos enfoques a Bolboretas no bandullo. “Bitácoras de aqui e acolá” levaba tempo no noso maxín e foi no último mes cando lle fomos dando forma.
Explicámosvos pois o desenvolvemento e obxectivo desta nova sección que tentaremos aumentar de vez en cando. No fin de facer unha achega importante á consolidación do noso idioma na rede e no ámbito gastronómico, cremos relevante que a través del tezamos fíos máis alá da fronteira. Queremos mostrar como se están a facer cousas ben interesantes en galego e aprender con iso do que fan en blogues doutras partes do mundo. Traeránnos pois outros idiomas e receitas tradicionais a Bolboretas no bandullo, mais tamén levaremos Bolboretas no bandullo e a cociña galega a outros cadernos dixitais. 
Entendemos pois que debiamos comezar con Portugal pola evidente continuidade lingüística e tamén pola proximidade cultural. Con todo, son moitas as sorpresas que nos ofrece a gastronomía lusa que cremos merece ben a pena coñecer.
Así pois arrincamos co blogue portugués A casinha das bolachas, que presenta hoxe mesmo a nosa receita de intercambio. Desde que coñecemos este caderno tiñamos claro que era unha óptima opción pola atracción polo doce e polo traballo constante que vén realizando desde 2015. Ademais, a súa creadora, Ana, é unha persoa encantadora e moi amábel! Do mesmo xeito ca nós, o seu blogue xurdiu a partir das galletas que preparaba para as súas amizades. Sentiu a necesidade de partillar as súas receitas que tanto gustaban. Ademais, o computador ofrece un pouco de orde ao seu corpus gastronómico. A súa relación coa cociña é totalmente apaixonada, desfrutando de cada paso e de cada resultado. Porén, non pensedes que fica só en bolachas. Ana fai un traballo inmenso con actualizacións case diarias co doce como principal paixón mais dando lugar a moi diversas posibilidades. Adoramos receitas súas como as bolachas de limão, Pudim Molotof ou o recente bolo japonês.