Bo día, bolboreteirxs! Que tal estades? Nós seguimos a tope co outono e preparándonos para Samaín, ides facer algo especial? Nós imos decorar cabazas, asar castañas e facer "truco ou trato" na nosa urbanización.
Para esta delicia, usamos o resto da cabaza que asamos para as madalenas e dándolle voltas a como a poderiamos usar, decicimos facer unha salsa para acompañar uns ñoquis e, así, demos cun prato moi saboroso, ideal para toda a familia. Na nosa casa gustou moito. Oxalá vos guste a vós tamén.
Ñoquis outonais con salsa de cabaza e shiitake
Ingredientes:
Para a salsa de cabaza:
- 500 ml de leite
- 200 g cabaza asada
- 1/2 cebola
- 1 cullerada de fariña
- 1 anaco de manteiga
- Noz moscada
- Pementa moída
- Sal
Utensilios: unha tixola, unha táboa e un coitelo, unha culler de mesturar e un batedor eléctrico (opcional).
Elaboración:
Para comezarmos, temos de rustrir a cebola, ben picadiña, na manteiga.
De seguir, engadimos a fariña e rustrímola un par de minutos para que perda o sabor.
A continuación, agregamos o leite e remexemos até que empece a espesar.
Chegados a ese punto, botamos a cabaza e seguimos remexendo. Se vedes que queda algún gromo, podedes bater co batedor eléctrico.
Logo botamos os ñoquis e deixamos que se cociñen 3-4 minutos. Mentres tanto, nunha tixola á parte, rustrimos as shiitake cun dente de allo picadiño e un chisco de AOVE.
Servimos os ñoquis e as shiitake.
E xa estarían listos para comer!
Como vedes, é unha receita súper outonal e que está deliciosa. Esa salsa sería ideal tamén para comer con pasta ou arroz.
Esperamos que vos guste e a poñades en práctica.
Aperta forte!
Lémonos pronto, bolboreteirxs!









Ningún comentario:
Publicar un comentario