Bolboreteir@s!! Chega a fin de semana e hoxe imos cunha receita-capricho: espetadas mouras. Por que capricho? Porque se nos antollou esta semana cando os vimos feitos na carnizaría e como a nós nos presta máis preparalos na casa para lles botar exactamente o que nos apetece pois collemos un pouco de zorza e para diante!
É probábel que a moit@s de vós vos sorprenda a denominación. Algo lóxico, por iso insistimos en mostrar a deturpación lingüística que sufrimos, especialmente nun ámbito diario como o gastronómico e na necesidade de reivindicar termos propios e formas galegas para podermos nomear a nosa realidade cotiá coa nosa lingua.
Ben, alén das nosas inquietudes lingüísticas, está claro que estamos perante un clásico carnívoro da grande parte da Península Ibérica. Ese calificativo de mouras, como podemos intuír, vén pola orixe culinaria nos países árabes.
Existen moitas variantes, aínda que a base identitaria deste prato está na carne adobada con pemento e allo. Velaquí a nosa versión: