sábado, 3 de maio de 2025

Cestas de ensalada caprese

 Bo día, bolbereiteirxs! Que tal? Hoxe traémosvos unhas cestiñas moi saudábeis, deliciosas e moi fáciles de facer, ademais, son moi fresquiñas para os días de calor! 
Nós fixémolas como entrante, xunto cuns nachos con guacamole, para unha cea con amizades e resultaron ser todo un éxito! 
Aquí vos deixamos a receita para que a poidades pór en práctica: 





Cestas de ensalada caprese 


Ingredientes:

  • 4 láminas de masa filo
  • Salsa de tomate
  • Tomatiños cereixa             
  • Boliñas de mozzarella
  • Alfábega fresca
  • Pementa moída 
  • Sal
  • AOVE



Utensilios: un molde de madalenas, papel de forno, un pincel e un coitelo.


Elaboración:


Para comezarmos, temos de estender as láminas de masa filo e pintalas con AOVE. Imos poñendo unha enriba da outra. 


Cortámolas en 9 anacos e colocámlas nos moldes.


Poñemos unha cullerada de salsa de tomate. 


Cortamos os tomatiños en 4 e colocamos 2 ou 3 en cada cesta.


Facemos igual coa mozzarella e botamos alfábega ao noso gusto. Salpementamos. 


Enfornamos a 180º, calor arriba e abaixo, durante 15 min e deixamos que arrefríen un chisco. 


Desmoldamos. 


Servímolas e xa estarían listas para comer! 

 

Que delicia! E como prestan para pór de entrante nunha comida ou para levar de pícnic!! Agardamos que vos gusten e que as poñades en práctica! 


Aperta forte!
Lémonos pronto, bolboreteirxs! 

Ningún comentario:

Publicar un comentario