Bo día, bolboreteirxs! Que tal? Hoxe viñemos para adozarvos o día xa que vos traemos unha receita moi lambona, uns roliños de froitos vermellos. Esta lambonada non só é moi chamativa visualmente, senón que está espectacular de sabor, alén de que podedes adaptar o recheo ao voso gusto.
Se vos fixades nos ingredientes, temos o puré de patacas, que é un pouco estraño para usar en repostaría, mais úsase para que a masa aguante máis tempo fresca e para darlle esponxosidade aos roliños.
Aquí vos deixamos a receita:
Roliños de froitos vermellos
Ingredientes:
- 360 g de fariña de forza
- 260 g de auga morna
- 90 g de manteiga derretida
- 45 g puré de patacas instantáneo
- 40 g de azucre
- 30 g de leite en po
- 8 g de lévedo seco de panadaría
- Un chisco de sal
- Ovo batido
- AOVE
Para o recheo:
Utensilios: unha fonte apta para o forno, unha cunca grande, un batedor manual ou eléctrico, unha cunca pequena e unha culler, unha tixola e unha culler de mesturas, unha táboa e un coitelo.
Elaboración:
Para comezarmos, temos de facer a nosa masa. Para iso, botamos na cunca grande a fariña, o puré de pataca, o leite, o azucre, o lévedo, o sal e mesturamos.
Agregamos a auga e a manteiga e amasamos ben.
Até que todos os ingredientes se integren e teñamos unha masa moi elástica. Empezamos na cunca e despois pasamos a unha superficie á que lle botamos un chisco de aceite. Deixamos fermentar, tapada, durante 2 horas, aproximadamente, até que duplique o seu volume.
Mentres tanto, preparamos o recheo. Comezamos mesturando a auga coa maicena e reservamos.
Agora, temos que lavar moi ben a nosa froita e cortar, en anacos pequenos, os amorodos. Botámolos nunha tixola coa cullerada de azucre. Mesturamos moi ben.
Cociñamos uns minutos e cando empece a abrandar a froita agregamos a mestura anterior e seguimo cociñando uns minutos máis, segundo vos guste a textura da froita. Reservamos mentres arrefría.
Pasado o tempo de fermentación, estiramos a nosa masa, cun pouco de fariña para que non se pegue, coa axuda dun rolete.
Cubrimos o recheo e o chocolate branco, cortado en anacos.
Enrolamos sobre si mesma.
Cortamos en toros e colocámolos sobre a fonte. Deixamos fermentar outros 40 min, cubertos, e despois pintamos co ovo batido. Enfornamos a 180º, calor arriba e abaixo, durante 25-30 minutos, até que vexamos que estean dourados.
Deixamos que arrefríen un pouco e xa estarían listos para comer!
Agardamos que vos gusten e que poñades esta deliciosa receita en práctica.
Como vedes, temos unha masa moi moi esponxosa cun recheo espectacular. Da mesma forma, podedes cambiar o recheo polo que máis vos guste: de chocolate, de crema, con outra froita como os pexegos, as cereixas, a maza... probade, que seguro que queda espectacular!
Oxalá agora teñades antollo dun destes roliños!
Lémonos pronto, bolboreteirxs!
Aperta forte!
Ningún comentario:
Publicar un comentario