Bo día, bolboreteirxs! Como vai a semana? Sabedes que hoxe comeza a Primavera? Nós, a verdade, xa estamos desexando quitar os abrigos e as medias, mais vivindo na Galiza sabemos que aínda nos queda bastante para iso... mais, mentres esperamos, seguimos cociñando deliciosas receitas.
Traémosvos hoxe unha receita asiática, uns noodles cunha salsa de allo e xenxibre acompañados de carne picada para complementar e facer o prato máis completo. Son moi poucos ingredientes mais queda unha receita deliciosa! Non sei se vos contamos algunha vez que cada vez nos gusta máis a cociña asiática e, canto máis probamos, mais nos gusta, aos peques incluídos. Así que seguro que vos habemos traer máis receitas deste estilo, segundo vaiamos probando! Desexamos que vos guste:
Noodles con allo e xenxibre (e carne!)
Ingredientes:
- Noodles
- 300 g de carne picada
- 2-3 dentes de allo
- Xenxibre
- Salsa teriyaki
- Pementa moída
- O zume dun limón
- Sésamo torrado
- Allo en po
- AOVE
Utensilios: unha tixola grande (ou un wok), unha pota, un coitelo e unha culler de mesturas.
Elaboración:
Para comezarmos, temos de cocer a pasta segundo as instruccións do fabricante. Reservamos.
Collemos a carne picada e adobámola con allo en po, xenxibre, dúas culleradas de soia e unha de salsa teriyaki. Reservamos.
No wok, botamos un chisco de AOVE e fritimos os allos, cortados en lascas, xunto cunha cullerada en po de xenxibre. Se tedes xenxibre fresco, mellor.
Cociñamos 2-3 minutos.
Agregamos a carne picada e cociñámola moi ben.
Cando xa estea dourada, agregamos 2-3 culleradas máis de soia e 2 de teriyaki.
Botamos os noodles e mesturamos moi ben. Aquí tedes que mirar que o mollo chegou para impregnalos a todos ou se necesitades engadir máis salsa.
Cando estean listos, e para rematar, empoamos co sésamo.
Servimos e xa estarían listos para comer!
É unha receita deliciosa e moi potente de sabor, xa que o xenxibre e as dúas salsas son fortes. Tedes que xogar un pouco con elas para dar co punto exacto. Así mesmo, podédeslle engadir algunha verdura (cogomelos, pemento...) ou cambiar a carne por gambas ou tofu, xa sabedes, esta é unha idea, agora tédela que adaptar aos vosos gustos e contarnos para que probemos nós tamén.
Lémonos pronto!
Unha aperta, bolboreteirxs!
Ningún comentario:
Publicar un comentario