xoves, 13 de marzo de 2025

Pizza, en masa de follado, saudábel

Bo día, bolboreteirxs! Case finde, verdade? Que ganas temos xa despois desta semana de exames!
Como vedes, aquí estamos un xoves máis cunha nova receita. Desta volta, unha pizza, que nos inspirou TikTok ;). É moi vistosa e saborosa, ademais de ser moi completa nutricionalmente. Nós propoñémosvos estes ingredientes, mais sabedes que hai que xogar cos ingredientes, e ver tamén que temos na casa!
A masa co toque do sésamo queda xenial e moi crocante!
Aquí vos deixamos a receita!




Pizza, en masa de follado, saudábel



Ingredientes:

  • 1 lámina de follado
  • Pesto:
    • Anacardos
    • Alfábega
    • Parmesano
    • AOVE
    • Pementa moída
  • Tomate cereixa (ou tomate normal)       
  • Lacón asado
  • Burrata
  • Romeu
  • Pementa moída
  • 1 ovo batido
  • Sésamo
  • Sal
  • AOVE

Utensilios: unha bandexa para o forno, papel vexetal, unha picadora, unha cunca apta para a fritideira de aire, unha culler.


Elaboración:

Para comezarmos, temos de debuxar un círculo máis pequeno na lámina de follado. Picamos o centro. 


Pintamos co ovo e, no bordo, botamos sésamo. 


Enfornamos a 220º, calor arriba e abaixo, durante 15 minutos. 


Mentres tanto, botamos os tomatiños nunha cunca e sazonámolos co romeu, a pementa moída, o sal e o AOVE. Nós, neste caso, mesturamos os cereixa cun normal rosa. Cociñámolos na fritideira de aire a 180º durante 15 minutos. 


E, como última elaboración, temos que preparar o pesto. Para iso, mesturamos os ingredientes e trituramos. Nós botamos 1/2 cunca de anacardos, bastante alfábega, 75 g de queixo e agregamos AOVE até conseguir a textura cremosa. 












E comezamos a montar a nosa pizza. Coa masa xa feita, estendemos unha capa de pesto e colocamos os tomates.



De seguir, agregamos o lacón, cortado en anacos e a burrata. 



E xa estaría lista para comer! 


Que pintaza, verdade? E ademais é moi sinxela de facer! E seguro que vos sobra algún tomate e pesto para facer unha pasta deliciosa ao día seguinte!


A nós encantounos o resultado e non imos tardar en repetir esta pizza para cear! Ao peque prestoulle moito tamén! É moi completa xa que ten ingredientes de case todos os tipos!
Esperamos que vos guste e que a poñades en práctica.
Lémonos,  bolboreteirxs!
Unha aperta xigante!


Ningún comentario:

Publicar un comentario