Bo día, bolboreteir@s! Como vai ese comezo de maio? Nós seguimos reforzando o noso repertorio de receitas saudábeis e lixeiras, que ademais de necesarias, son cada vez máis apetecíbeis segundo se vai aproximando o bo tempo. Nós no verán viviriamos só con froitas e verduras.
Ben, pois hoxe a receita saudábel incide nun dos prato que se converteu nun clásico en todos os fogares e tamén nun símbolo da comida rápida, asociada en moitas ocasións a unha alimentación deficitaria. É por iso que nós insistimos con certa frecuencia en que a hamburguesa da casa pode ser todo o contrario xa que é un dos alimentos máis manexábeis e adaptábeis para quen procuramos alternativas. E como vós tamén sodes moi amigos dos experimentos, que o sabemos nós, ides gozar destas hamburguesas!
Hamburguesas de polo, cabaciña e cenoria
Ingredientes:
- 1 peituga de polo
- 2 cenorias pequenas
- 1/4 de cabaciña
- 1 ovo
- Pementa moída
- Ourego
- Allo en po
- 1 chisco de sal
- 2 culleradas de aceite
Utensilios: unha picadora, papel vexetal ou transparente, unha cunca e unha tixola.
Elaboración:
Para comezarmos, botamos na picadora as cenorias e a cabaciña (non botedes moita cabaciña, porque ten moita auga e despois vai ser máis difícil darlles forma as hamburguesas, como nos pasou a nós 😅).
Agregamos a peituga e sazonamos co allo, ourego, pementa moída e sal ao gusto.
Engadimos o ovo, tamén.
Trituramos moi ben, botamos nunha cunca, tapamos con papel transparente e refrixeramos 30 min-1 hora para que colla consistencia.
Pasado ese tempo, temos tres opcións para formar as hamburguesas: as mans, utilizar papel vexetal ou transparente.
Fritímolas nunha tixola con dúas culleradas de aceite e servímolas acompañadas do que máis nos guste. Nós, neste caso, fixemos unhas patacas ao forno e rustrimos uns espárragos verdes, con tomatiños e champiñóns portobelo.
E xa estarían listas para comer! Que aproveite!
Estamos segurísimos que esta se converterá nunha receita do máis recorrente desde xa para vós, especialmente para as persoas que tedes pequechos e pequechas na casa pois adoran as hamburguesas dunha ou outra forma. Forte aperta, amig@s!
Que jugosas tenian que estar esas hamburguesas o habeis dejado de tentarme ,son ideales para cenar con esa guarnicion de esparragos , tomatitos champis y patatas al horno uummmmmmmmm de visciuuusssssss ,cualquier dia de estos las hago, en casa el pollo nos encanta y en las haburgesas nolo hemos comido aun ya os contare cuando las haga.
ResponderEliminarBicos mil wap@s.
Sii, unha versión saudábel das hamburguesas 🍔😉
Eliminar