Xa sabedes do noso interese polo veganismo, que vai a máis e que nos leva a investigarmos e probarmos solucións dentro desta alimentación alternativa. No pasado LGx15, falamos precisamente da necesidade de incorporarmos o noso idioma ao corpus de receitas veganas, cada vez máis recorrente e onde non podemos ficar á marxe. Ademais, cant@s galegofalantes vegan@s non haberá? E ben merecen poder ler as indicacións para facer diversos pratos na súa lingua. Así pois, nós tentamos colaborar con novas achegas. Certo é que non son as suficientes mais procuramos dedicar con certa frecuencia, atención a este apartado.
E o de hoxe ademais xurdiu como receita de aproveitamento pois sobraron uns feixóns do chili con carne que preparamos hai tempo e pensamos en tirarlles beneficio. E a verdade é que as hamburguesas sempre se prestan a todo tipo de inventos. E a verdade é que este deu na chave pois alén do gran parecido á hamburguesa de carne, logrou un sabor superpeculiar. 
En conclusión, unha argallada de Bolboretas no bandullo que se tornou nunha revelación e que nos apetece moitísimo repetir. Apetece?
Hamburguesas de feixóns e champiñóns
Ingredientes:
- 200 g de feixóns cocidos
 - 6-7 champiñóns
 - 1/2 cebola
 - 1 dente de allo
 - 1/4 de culleriña de comiño
 - 1/4 de culleriña de eneldo
 - Pementa moída
 - 3-4 culleradas de fariña
 - Aceite de oliva
 - Para acompañar: pan, leituga, tomate, cebola e cogombros curtos.
 
Utensilios: unha tixola, o batedor eléctrico e o vaso do batedor, unha cunca. 
Elaboración:
Para comezarmos, rustrimos a cebola e o allo en dúas culleradas de aceite, non é necesario picar moito as verduras xa que despois ímolas triturar.
Cando abrande, engadimos o champiñóns cortados en anacos.
Tamén a pementa, o comiño e o eneldo. 
Cando estean ben cociñados, botámolos no vaso do batedor. 
Agregamos as fabas cocidas e trituramos ben. 
Engadimos dúas culleradas de fariña e comezamos a mesturar. Temos que conseguir unha masa algo dura e consitente, que non se pegue. Dependendo da auga que tiveran as verduras e as fabas, precisaremos máis ou menos fariña. 
Dámoslles forma ás hamburguesas. 
Fritímolas en dúas culleradas de aceite, até que se fagan ben polos dous lados. 
Montamos a nosa hamburguesa cos nosos ingredientes preferidos. Nós usamos leituga, tomate, cebola e cogombros curtos. 
E xa estarían preparadas para comer! Agardamos que gustedes delas! 
Ademais, xa sabedes todo o bo que nos ofrece o formato hamburguesa para a alimentación infantil pois permítenos integrar todo tipo de produtos que talvez doutra forma non probasen os peques. Despois de probar esta, pediran e pediredes hamburguesa de feixóns todas as semanas. Que delicia, por favor!
Viva o veganismo e viva a creatividade! Adiante, bolboreteir@s!










Uummmmmmmmm que pintaza tiene de buena gana me llevaba una para la cena ,seguro que estara de rexupete.
ResponderEliminarTe ha quedado de relujo no lo siguiente.
Bicos mil wap@s.
Mil grazas!! 😋😋
Eliminar