martes, 16 de agosto de 2016

Torta de doce de leite e ganache de chocolate

Por Viveiro e por algúns outros sitios hoxe seguimos de ponte mais pensamos tamén nos que xa retornades ao traballo e por iso vos traemos unha das larpeiradas ideadas para estes días de enchenta. É certo que hai ingredientes aos que sempre recorremos pois supoñen a base da repostaría como o chocolate. Porén, sempre tentamos ir incorporando outros que, polo que sexa, non estamos tan habituados a eles. E ese é o doce de leite. Levamos unha tempada que probamos varias cousas que levaban doce de leite e que nos sorprenderon para ben e entón pensamos en que talvez sería momento de probarmos a preparar algo con el.
Comprámos o doce e aínda que por si só non nos agradou moito, no momento en que forma parte dunha sobremesa conquista a calquera pola intensidade e pola dozura que xa se deriva do seu propio nome.
As festas de San Roque teñen un toque moi larpeiro con esta nova receita que deixamos para que preparedes en canto quixerdes. Vai:

Torta de doce de leite e ganache de chocolate


Ingredientes:

Para a base:
  • 170 gr de manteiga
  • 45 gr de cacao
  • 250 gr de fariña
  • 75 gr de azucre glass
  • 45 gr de fariña de améndoas
  • Media culleradiña de sal
  • Unha culleradiña de esencia de vainilla
  • 1 ovo
Para o recheo:
  • 180 gr de chocolate
  • 180 gr de crema
  • Entre 600-800 gr de doce de leite
Para a decoración (opcional):
  • 100 gr de améndoas

Utensilios: molde para forno, batedora ou procesadora, varias cuncas, rolete, garfo, garavanzos e papel vexetal

Elaboración:

Unha vez collidas as cantidades precisas para a base, mesturamos todos os ingredientes sólidos nunha cunca ou bote que nos permita mesturar durante un par de minutos.




Unha vez lograda unha masa algo compacta, engadimos o ovo e o aroma de vainilla e remexemos outros dous minutos. Quedará unha masa algo máis húmida.


Podémola pór entre papel film para estirar e despois levala máis facilmente para o molde. Outra opción é colocar a masa directamente no molde e ila colocando, toda ela, coa axuda das mans.





Metémola no frigorífico durante hora e media aproximadamente. Se tedes présa podedes acurtar este período. Sacamos e picamos co gargo para que non inche no forno. Pomos os garavanzos tamén para que non suba. Metemos ao forno durante 25-30 mins, 180º calor arriba e abaixo.




Unha vez retirado do forno e mentres arrefría un pouquiño, imos facendo a ganache. Esta crema é moi sinxela e caracterízase por mesturar e preparar a mesma cantidade de chocolate e nata. A nata ten que ferver. Apagamos e botamos os anacos de chocolate. Deixamos un minuto que se dilúa un pouco e mesturamos até lograr esa crema con cor totalmente de chocolate.

                                             

Mentres arrefría esta, imos botando o doce de leite. Nós botamos unha cantidade bastante elevada , 800 gr, porque queriamos que fose o protagonista da torta. Con todo, podedes reducir algo a cantidade, para que fique ao voso gusto.




Estendemos ben polo molde e posteriormente xa podemos incorporar a ganache con coidado de non perdermos nada polo camiño. 


Xa podemos sumar as améndoas para que non fique tan plana só co chocolate e lista para ir ao frigo durante un bo tempo (5-6 horas, canto menos)


Retiramos e... a desfrutar!


Que boa combinación resultou esta do chocolate e o doce de leite. Pena non utilizarmos un molde máis grande e facer unha torta xigante para satisfacer o noso apetito durante varias ocasións. Non chegou a nada, hahaha.
Iso si, deu para nos adozar unhas festas xa de por si especiais. Recoméndovos probardes esta larpeirada e sobre todo, meterdes moito as mans entre a masa e argallar novas receitas. Apertas fortes, bolboreteir@s!

Ningún comentario:

Publicar un comentario