sábado, 26 de marzo de 2016

Bocados de ourizo

Agarrádevos que hai moito vento e vén unha receita para conquistar os vosos corazóns e bandullos. O ourizo de mar é para nós un produto moi especial por diferentes motivos familiares. E por iso, adoitamos acudir cada ano á veciña localidade de San Cibrao para celebrar a Festa do Ourizo e para degustalo en moi diferentes pratos.
E iamos deixando pasar o tempo, até que este ano compramos por fin unha cantidade non moi grande aquí en Viveiro para argallar con el. O curioso dos ourizos é que non gustamos moito deles unicamente cocidos como si acontece con outros produtos do mar. Porén, o toque que dan na elaboración de moi diferentes pratos é maxestuosa. Témolos comido en pizza, en ovos recheos, pementos... mais nós decidímonos por facer unha especie de croquetas de ourizos que nos levaron á éxtase gastronómico. O sabor a mar tan característico destes equinodermos marítimos inundan estes bocados saborosos.
Posibelmente aproveitemos o tempo deles para crear novas receitas, mais mentres tanto, o noso sentido do gusto queda totalmente satisfeito. 

Bocados de ourizo

Ingredientes (para 25-30 unidades):

  • 10-12 ourizos
  • 1 cebola
  • Noz moscada
  • 4 culleradas de fariña
  • 2 vasos de leite
  • 2 culleradas de aceite
Para empanar:
  • 2 ovos batidos
  • Fariña
  • Pan relado
  • Aceite para fritir

Utensilios: unha tixola, unha picadora (ou táboa e coitelo), unha tesoira e unha culler.

Elaboración:

Para comezarmos, temos de abrir os ourizos e quitarlles a carne. Tede coidado neste paso para non vos picar, xa que os ourizos son bastante duros.




A continuación, picamos a cebola moi fina coa picadora ou coa axuda dun coitelo e rustrímola.


Cando estea brandiña, engadimos a carne dos ourizos e mesturamos moi ben. 


Cociñamos durante 2-3 minutos e engadimos a fariña; mesturamos moi ben. 


Cando se integre, engadimos o leite e seguimos mesturando até que a masa comece a despegarse dos bordos. Botamos a noz moscada.



Cando estea compacta e se despegue totalmente, botámola nun prato e refrixeramos durante 4-5 horas; mellor unha noite enteira.


Pasado ese tempo, facemos boliñas coas mans e pasámolas por fariña. 


Ovo batido.


E pan relado.


 Fritímolas en abundante aceite quente.


E pasámolas a un prato con papel absorbente. 


E xa estarían listas para comer! Que aproveite!


Podedes xogar a sorprender @s comensais. Serán capaces de adiviñar o elemento chave desta larpeirada? Sexa como for, han de quedar moi moi satisfeit@s. E se non tedes moita ganas de cociñalos, sempre teredes a opción de asistirdes a San Cibrao nunha das primeiras fins de semana de marzo para o desfrutar nas súas múltiplas variantes. Aínda que nós sempre recomendamos argallar na cociña de cada un para facer ao seu propio gusto. De momento, aquí vos vai unha moi xeitosa idea. Adiante con ela! Apertas!!

4 comentarios:

  1. Despues de una semana de descanso del blog de nuevo estoy por aqui viendo la de cosas ricas que has echo estos dias.
    No dudo lo mas minimo que esos bocados de ourizo sean una delicia ,solo siento no poder dar cuenta de ellos al igual que de un plato de ese fantastico arroz con choco en us tinta uummmmmmmmmm con lo que me gusta el arroz me voy babeando no me extraña nada que sea uno de tus arroces favoritos.
    Aunque sea con retraso muchas felicidades a tu abuelo 83 años no se cumplen todos los dias y que mejor lamobretada para celebrarlo que esa deliciosa tarta que le hiciste las fotos no le haran justicia pero se ve deliciosa y no dudo lo mas minimo este de muerte relenta.
    Bicos mil y feliz semana wapa.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. A verdade é que xa te botábamos de menos, hahaha! Moitísimas grazas polas túas palabras que nos animan a seguir!!
      Un bico e feliz semana!

      Eliminar
  2. Destes bocadiños de ourizo xa comía agora mesmo un par deles. Con ese saborciño a mar seguro que estaban bos a rabear.

    Bicos

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Hahahaha! O intenso sabor a mar é o que máis os caracteriza!! Se non os coméramos xa, mandávache uns pouquiños!
      Apertas e grazas por todo!

      Eliminar