mércores, 30 de decembro de 2015

Nevados natalicios

Non é nada común encontrármonos por aquí un mércores mais a ocasión merece a pena e por iso retrasamos un día a nova publicación. Hoxe estamos de segundo aniversario!! Si, si, xa de segundo. Resulta incríbel comprobar a velocidade con que pasa o tempo! Un 30 de decembro do 2013 dábamos saída a un desexo de había tempo atrás que superou, con moito, as nosas expectativas, e iso unicamente grazas a vós e á xenial acollida da proposta. Nestes dous anos xa pasaron por aquí máis de 200 receitas, cifra enorme, alcanzando algunhas delas un grande éxito. E sobre todo, cremos que cumprimos o obxectivo principal, realizar a nosa achega á normalización do idioma neste ámbito gastronómico-dixital, tan potente nos últimos tempos. De seguro que entre todos aprendimos a chamarlle a varios produtos polo seu nome axeitado.
Desde o 30 de decembro de 2013 sentímonos apoiados, sobre todo nas redes sociais, polos seguidores e seguidores que fostes aumentando até ser un número ao que non contabamos chegar. Grazas ás vosas lecturas e interaccións, Bolboretas no bandullo seguiu para diante e así publicamos algún artigo en prensa, presentamos entrevistas inesquecíbeis ou mesmo asistimos a un congreso sobre alimentación en Granada. Mais o que máis nos satisface é cando algunha ou algún de vós nos fala ben por Facebook, Twitter ou na rúa para nos comentar que van facer algunha das nosas receitas ou que desfrutaron con algún dos pratos de Bolboretas no bandullo. Iso non se cambia por nada!
Así pois, de igual modo que fixemos hai un ano, queremos agradecervos de xeito moi humilde toda a vosa axuda e por iso sortearemos unha táboa de turrón caseira de chocolate e uns nevados como os que presentamos hoxe. Poderiámolo facer entre tod@s os seguidores de Facebook e Twitter máis resultaría algo complexo, polo que decidimos reducilo a todas aquelas persoas que interactúen desde hoxe, día 30, en calquera das nosas publicacións nestas redes sociais (rechouchiando en Twitter ou comentando en Facebook) ou que deixen algún comentario no blogue, ben nesta receita, ou ben na que publicaremos o próximo sábado. Así teremos un número máis limitado para compartirmos con vós estas dúas nosas creacións ligadas ás datas do Nadal, ficando como data límite o domingo 3 de xaneiro ás 23:00. Adiante!


Nevados natalicios

Ingredientes (para unhas 20 unidades):
  • 250 gr de fariña
  • 100 gr de manteiga de porco
  • 50 ml de viño branco
  • Unha culleriña de vainilla
  • Un chisco de sal
  • Azucre glas para decorar

Utensilios: un cazo, unha cunca, unha culler, unha espátula, un rolete, un cortapastas, unha bandexa de forno e papel vexetal.


Elaboración:

Para comezar temos que derreter a manteiga nun cazo ou no microndas. 


Mentres tanto, mesturamos a fariña, a vainilla, o viño e o chisco de sal.










De seguir, agregamos a manteiga e mesturamos moi ben.


Amasamos até formar unha masa lisa e homoxénea.










Coa axuda dun rolete, estiramos a masa e dámoslles formas co cortapastas. Colocámolos sobre a bandexa de forno cuberta con papel vexetal.


Enfornamos a 180º, debe estar prequente, calor arriba e abaixo co ventilador, durante 30-35 minutos, até que estean douradiños.


Empoamos con azucre glas e deixamos arrefriar.


Servimos nun prato ou bandexa e xa estarían listos para comer!!


A pesar de que nós non somos grandes amantes dos "nevaditos" que se venden nos comercios, quedamos inmensamente sorprendidos co resultado destes doces caseiros, converténdose na revelación das sobremesas natalicias xa que no día de onte non puidemos parar de comelos do saborosos que nos resultaron. E sempre coa vantaxe da sinxeleza e facilidade á hora de os elaborarmos o que seguro que anima aínda máis a aqueles larpeir@s que teñen certo respecto á hora de meter as mans na masa. Pois esta é a vosa, máximo beneficio coa mínima dificultade. Cremos que poucas opcións melloran esta para acompañar na sobremesa do día 31 as típicas uvas. Aí queda e recordade a posibilidade de participardes no sorteo para ganar unha táboa de turrón e uns destes saborosos nevadiños. Moita sorte a tod@s e unha vez, mil grazas por estardes sempre aí! A aperta máis forte do mundo para vós!



15 comentarios:

  1. Moitisimas felicidades por eses dous aniños!! é un pracer achegarme ata aqui pra ver as tuas receitas, que sempre encantanme!! Un biquiño moi forte e feliz aninovo!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitísimas grazas e igualmente, oxalá veña un novo ano cargado só de cousas boas!!
      Bicos e grazas por estar sempre por aquí ;)

      Eliminar
  2. Moitisísimos parabéns polos dous anos, a iniciativa, as receitas e a marabilla de blogue que tendes! Sen as vosas receitas eu xa non son nada! xD Grazas e un bico ben grande!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitísimas grazas por todo, sobre todo por estar sempre aí!!!
      Bicos!!

      Eliminar
  3. Parabéns polo blogue! Ainda que case me felicito eu que como a miúdo das vosas receitas :)
    E que pintaza (coma de costume).

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Hahahaha!! Pois iso é fantástico xa que é o noso obxectivo!!!
      Moitísimas grazas guapa!

      Eliminar
  4. Parabéns polo blogue! Ainda que case me felicito eu que como a miúdo das vosas receitas :)
    E que pintaza (coma de costume).

    ResponderEliminar
  5. Moi boa pinta! Participo :D

    ResponderEliminar
  6. Noraboa polo blogue! As vosas ideas son orixinais e encantanme as receitas porque sempre as acompañades con fotos! Seguide así! Un bico moi grande!

    Rosalía

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitas grazas, Rosalía!! Gústanos que che encanten, hahaha!!
      Apertas!!

      Eliminar
  7. Boas noites.
    Eu veño aquí porque me incentivou Moraima, e porque me me gustan o doces taménnn!.
    Creo que xa participo, non si?

    Saúdos desde a Chousa

    ResponderEliminar
  8. Volvo para acotar que o incentivo de Moraima foi unicamente repicar no Twitter con moito xeito. Que se incentivara como é debido...cubríasevos o blog de comentariossss ;-)

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Hahahaha, moitas grazas. Imos ir co sorteo nun momento. Apertas!

      Eliminar
  9. Parabéns, rapaces!! Sodes moi grandes!! E alégrame moitísimo saber que tedes o voso máis que merecido recoñecemento. Graciñas mil por todas esas receitas coas que nos deleitades todas as semás e por aportarnos sempre sabiduría popular na máis linda das linguas: O Galego!

    Bicos especiales nesta data especial! E que cumprades moitísimos máis!

    Yoly

    ResponderEliminar