sábado, 26 de decembro de 2015

Lasaña de espinacas e cogomelos

BO NADAL!! Veu ou Apalpador ou non veu? De seguro que si, que el adoita cumprir. E nós tamén cumprimos, por iso, como cada sábado imos cunha nova receita.
Desta volta dubidamos bastante entre unha outra larpeirada do Nadal ou un prato saudábel de compensación de excesos. Como vedes, finalmente optamos polo segundo.
É verdade que non é a primeira vez que optamos por vos presentar unha lasaña. Principalmente porque é un gran recurso para a nosa cociña e porque nos encanta degustala mais tamén elaborala, sobre todo cando hai convidad@s :-)
Porén, non vos traeriamos receitas idénticas ás de veces anteriores polo que tentamos darlle unha outra volta a esta pasta neste novidosísimo bechamel que, seguro seguro, vos vai facer tolear. É unha receita "falso bechamel" feito con cabaciña que tomamos prestada do novo libro de Isasaweis.
Ollando os ingredientes xa comprobades que san e dixestivo é este prato. Outra cousa é que vos resistades e só comades unha ración, hahaha.


Lasaña de espinacas e cogomelos

Ingredientes (para 6 persoas):
  • 15 láminas de lasaña
  • 500 gr de espinacas
  • 250 gr de cogomelos
  • 1 cebola
  • 1 bóla de mozzarella
  • Queixo relado
  • Aceite
  • Allo en po
  • Pementa moída
  • Estragón
  • Un chisco de sal
Para o falso bechamel:
  • 400 ml de leite desnatado
  • 2 cabaciñas
  • Pementa moída
  • Noz moscada
  • Un chisco de sal
Utensilios: unha tixola, un cazo, unha fonte apta para forno, un batedor eléctrico, unha culler e un coitelo. 

Elaboración:

Para comezar, elaboramos o falso bechamel. Para iso, temos de lavar e cortar as cabaciñas e cocelas no leite durante 20-25 minutos. 


Pasado ese tempo, trituramos co batedor e sazonamos cun chisco de sal e pementa moída e noz moscada ao gusto. Reservamos.

De seguir, picamos finamente a cebola e rustrímola en dúas culleradas de aceite.


Cando estea brandiña, engadimos os cogomelos tamén picadiños e mesturamos moi ben. 


Cociñamos 3-4 minutos e e engadimos as espinacas. 


Mesturamos moi ben e cociñamos até que fagan as espinacas. Sazonamos co estragón, o allo en po, a pementa moída e o chisco de sal. 


E chegou a hora de montar a nosa lasaña!! Pintamos o fondo da fonte cun pouco de bechamel e colocamos as placas de lasaña de modo que cubran todo o fondo; se é preciso cortade algunha lámina.


Botamos unha pouca de bechamel, a metade do recheo e a metade da mozzarella. 


Repetimos a operación (láminas de lasaña, bechamel, recheo e queixo) e cubrimos cunha última capa de placas de pasta, botamos un chisco máis de bechamel e o queixo relado ao gusto (nós utilizamos unha mestura de 4 queixos). 


Enfornamos a 220º, gratinador e ventilador ou calor arriba e abaixo, durante 20-25 minutos. Temos que ter en conta as instrucións da lasaña, as nosas placas precisaban sobre 20 minutos para cociñarse ben. 


Non sabemos porque nos dá que non habedes tardar en nos dar conta desta delicatessen. Será porque non somos os únicos amantes da pasta e da gastronomía italiana, verdade? Ademais, contamos cun importante grupo de seguidores amantes dos pratos vexetais coma este. 
Tendo en conta que para para xoves volve ser día de festa e exceso, cremos que esta será unha óptima opción para o menú destes días previos, acompañándoa á sobremesa dun pouco de froita, por exemplo, haha. Ou poda que vós non excerades tanto, quen sabe!
Sexa como for, non hai nada que mellor que unha boa e saborosa lasaña, e desde logo que esta cumpre os requisitos. Adiante con ela!
Pasade boa fin de semana e xa imos léndonos polo blogue e redes sociais. Unha apertísima!!

4 comentarios:

  1. Muy buena receta! Hice lasaña de espinacas y ricota para nochebuena con bechamel tradicional y salsa de tomates. Probaré la falsa bechamel, no la conocía.
    Gracias por las recetas. Felices fiestas.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Que boa receita para unha noite tan especial!Das dúas formas teñen que estar boísimas, mais coa "falsa bechamel" facémola máis saudábel! ;)
      Grazas por comentar e Bo Nadal!

      Eliminar
  2. Olá!!!
    Em primeiro lugar, agradeço sua visita carinhosa ao meu cantinho!
    Tem tanta receita deliciosa por aqui que até fico perdida! rs Já salvei o blog na aba de Favoritos!
    Esse tipo de recheio nunca experimentei na lasanha, adorei a sugestão!
    Aproveito a visita para te desejar um 2016 recheado de muita paz, saúde e amor! Sucesso sempre!!!!
    Beijos! =)
    www.deliciasdavodeo.com.br

    ResponderEliminar
  3. que rica lasaña! me encanta la bechamel de calabacin no solo es mas ligera sino que ademas esta buenisima, bicos

    ResponderEliminar