martes, 30 de xuño de 2015

Torta Sacher

Xa vos adiantamos que tiñamos unha torta gardada, mais morriamos das ganas de vola presentar xa. Non só por ser unha oda ao doce, senón por ser unha torta un tanto diferente, especial. Falamos dunha torta de historia e unha torta de moitísima elegancia para as celebracións máis relevantes.
Como sempre, cando o nome dalgunha receita nos chama a atención, poñémonos a investigar para sabermos de onde procede. E neste caso non tiñamos nin idea xa que o termo Sacher nos resultaba totalmente opaco. Pois parece que provén Franz Sacher un mozo reposteiro que tirou do maxín unha marabilla coa que sorprender a un grupo de convidad@s do príncipe austríaco Klemens Wenzel von Metternich. Isto sucedeu en Austria na primeira metade do século XIX, concretamente en 1839. Con todo, sería o seu fillo, Eduard Sacher, quen acabaría por perfeccionar a Sachertorte pasando a comerciala con moitísimo éxito.
Desde aquela, esta torta coñeceuse en toda Europa, sendo un recurso habitual en ceas de gala e en diversas celebracións polo seu sabor suave cun marabilloso contraste entre chocolate e froita (marmelada) e pola súa fina estética. Así pois, fica desde hoxe para vós unha receita de moitísimo éxito:


Torta Sacher

Ingredientes:

Para o biscoito:
  • 7 ovos
  • 200 gr de azucre
  • 130 gr de chocolate negro
  • 130 gr de fariña
  • 130 gr de manteiga
  • 1 sobre de lévedo en po
  • 1 culleriña de esencia de vainilla
  • Un chisco de sal
Para o recheo e almibre:
  • 800 gr de marmelada de albaricoque
  • 4 culleradas de auga
Para a cobertura:
  • 300 gr de chocolate
  • 250 gr de azucre
  • 120 ml de auga
  • 80 gr de manteiga
Para a decoración: boliñas de chocolate branco.

Utensilios: batedor, vaso do batedor pota, cuncas, espátula, peneira, reixa, microndas, coitelo ou lira e molde para forno.

Elaboración:

Primeiramente temos de elaborar o biscoito da torta. Comezamos derretendo o chocolate ao baño maría. 


Cando estea derretido, apartamos do lume e engadimos a manteiga.


A continuación, separamos as claras das xemas e engadimos á mestura as xemas e a esencia de vainilla. Reservamos mentres preparamos as claras.


Botámoslles o azucre e o chisco de sal ás claras e montamos a punto de neve. 









Mesturamos as claras co chocolate coa axuda dunha espátula e con movementos envolventes para que non se baixen as claras.










Agregamos a fariña e o lévedo peneirados, pouco a pouco.


Botamos a mestura no molde, ao que previamente lle estendemos unha fina capa de manteiga e o empoamos con fariña. Enfornamos a 180º (debe estar prequente), calor abaixo e ventilador durante, aproximadamente, 50 minutos. Deixamos que arrefríe. Cando estea completamente frío, abrímolo ao medio coa axuda dun coitelo ou unha lira. 









Agora temos de preparar un almibre. No vaso do batedor, botamos 4 culleradas de marmelada e 4 culleradas de auga. Trituramos ben co batedor eléctrico e quentamos a mestura 2 minutos no microndas. 









Para montar a nosa torta, temos de pór a parte superior do biscoito sobre un prato ou fonte. Emborrachámolo co almibre que acabamos de facer.


Estendemos o resto da marmelada sobre o biscoito e tapámola coa parte de abaixo do biscoito. Almibrámolo, tanto pola parte superior coma polos bordos e refrixeramos 4-5 horas.


Pasado ese tempo, preparamos a cobertura de chocolate. Botamos nun cazo o azucre e a auga e quentámolos até que se derrita o azucre (non debe ferver).


Baixamos o lume ao mínimo e engadimos o chocolate.


Cando estea derretido, agregamos a manteiga e mesturamos moi ben. 


Colocamos, con mito coidado, o biscoito sobre unha reixa (nós puxémolo na reixa do forno sobre outra bandexa, tamén do forno, para non desaproveitar nada do chocolate. E deixamos caer o chocolate sobre o biscoito. 



Decorámolo ao noso gusto con boliñas de chocolate branco, con froitos secos, ou mesmo podemos escribir algo co chocolate que nos sobrou e deixamos un anaco a torta até que non escoe o chocolate.


Con moito coidado, pasamos a torta á fonte en que a imos presentar e refrixeramos durante 4-5 horas, mellor se é unha noite enteira. E xa estaría preparada para comer!! 


Pensamos que estamos perante unha das tortas máis equilibradas canto a apariencia e sabor. Ao igual que pasou coa Torta San Marcos, nunca probaramos esta, mais ficamos moi contentos, sobretodo por esa marmelada de albaricoque, para nós o elemento central e estrela desta sobremesa, que cunha lixeira cantidade ofrece un marabilloso contraste co chocolate do biscoito e da cobertura. O biscoito ademais, a pesar de ser de chocolate e moi substancioso, adquire un sabor suave logrando que non se faga para nada pesado.
Coidamos que a vosa vida non será a mesma desde hoxe e moit@s de vós pasaredes a ser "sacheradictos". E senón, xa nos contaredes :-) Pasade un bo martes e desfrutade da cociña e destas larpeiradas. Unha aperta!



Ningún comentario:

Publicar un comentario