Unha nova receita, tamén especial por ser a que levamos a cabo para as premiadas no sorteo con motivo do primeiro aniversario do blogue.
Prometimos enviar unhas galletas saborosas e cremos que así foi. Iso si, tamén queriamos que foran diferentes ás traídas até agora a este caderno dixital así que pensamos nestas bolachas que non son moi coñecidas por aquí, mais que triunfan en Gran Bretaña desde hai moitos anos. Con todo, mudamos algúns elementos da receita tradicional, e así, por exemplo, decidimos enfornalas no lugar de pasalas pola tixola. Iso si, probamos as dúas opcións claro. Mais como a que nos convenceu máis, con diferenza, foi a do forno, pois quedamos con ela. Pasándoas pola tixola fanse un pouco máis graxentas e dan algún que outro problemiña para lles dar a volta.
Con todo, é cuestión de que cada un/ha probe e escolla a súa versión preferida. A nós desde logo encantáronnos. E polo que contaron Ás votlas coa moda e Orballo parece que a elas tamén lles gustaron. Estas foron algunhas das súas palabras:
- Ás voltas coa moda: "Que riquísimas e onde van xa!! Un millón de grazas de novo"
-Orballo: "As galletas de @bolbonobandullo chegaron e estaban riquísimas! MIL GRAZAS"
Aproveitamos para lles agradecer unha vez máis a súa participación, ao igual que tod@s aqueles que non ganastes, e deixámosvos aquí a ligazón aos seus blogues. Cadernos ben fermosos polos que merece moito a pena pasarmos diariamente. Adoramos os dous, ben diferentes e ben necesarios:
Tortas galesas (welsh cookies)
Ingredientes:
- 200 gr de fariña de trigo, máis extra
- 100 gr de manteiga
- 75 gr de azucre
- 75 gr de chocolate
- 1 sobre de lévedo en po
- 1 ovo grande