Que semana de sol levamos, que sorte! Canto se desfruta con tanta luz e cuns días que medran e medran. Cómpre aproveitar! Ademais, agardamos que xa logo suban as temperaturas para gozar dos xantares ao ar libre, en medio da natureza. Que idílicos e paradisíacos nos pon este sol primaveral, haha.
Mais non nos quita a fame, nin moito menos. Seguimos creando, argallando e degustando de todo un pouco. Xa non só con novas receitas senón que tamén aproveitamos sempre que podemos para probar novos alimentos xa que aínda non moitos os descoñecidos.
Así pois, achegámonos ao super nestes pasados días co obxectivo dun produto novo, e fomos dar ás endivias. O resto só foi cuestión de procurar combinación sen perder moito tempo, xa que pretendiamos facer unha cea rápida.
E aquí chegamos, a unha nova receita para presentar en Bolboretas no bandullo:
Tosta en pan de millo con camembert, salame e endivias
Ingredientes (para 4 tostas):
- 4 rebandas de pan de millo
- 4 anacos de queixo
- 4-5 lascas de salame
- 1 endivia
- 1 cullerada de vinagre de Xerez
- Ourego