Amosando publicacións coa etiqueta pan caseiro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta pan caseiro. Amosar todas as publicacións

martes, 7 de abril de 2020

Pan integral Xiao (apto para BLW)

Bo día, bolboreteir@s! Sorprenderavos o nome da receita de hoxe mais é unha brincadeira pois aquí presentamos o primeiro pan que fixemos para o peque da casa.
Como levamos unhas semanas coa alimentación complementaria, que estamos a facer polo método BLW, andamos a experimentar día tras día con novos alimentos. E claro, tiñamos un escollido polo feito de ser un dos favoritos dos pais. O pan. Iso si, ao ser o primeiro queriamos que fose feito por nós para controlar os ingredientes exactos que leva, polo que prescindimos do sal. Polo demais, nada estraño. Tentamos que tivese moito miolo e a codia ben brandiña xa que de momento non temos moitos dentiños para rillar no duro.
Ides ver que este tipo de receita é sumamente sinxela e presta. Ademais, coincide que lle podedes tirar proveito agora que hai tendencia a facer o pan na casa nestas semanas. Unha receita máis para probar.
E que é iso do BLW? Pois o Baby Led Weaning é un sistema de alimentación complementaria, no noso caso ao leite materno, autorregulada polo bebé e no que eles mesmos levan os alimentos que lles ofrecemos á boca usando as súas propias mans. Trátase de alimentos sólidos, non triturados nin en papas, co tamaño adecuado, de maneira que o van comendo xestionando os seus gustos e preferencias. Para saberdes máis, recomendámosvos darlle unha lectura a esta sección ben traballada e interesante da nosa colega Kukinhas (Definición, beneficios e primeiros pasos). 







Pan integral Xiao (apto BLW)



Ingredientes:

  • 450 g de fariña integral
  • 300 ml de auga
  • 30 ml de aceite
  • 1 sobre de lévedo seco de panadaría

martes, 29 de marzo de 2016

Bagels caseiros en dous xeitos

Como vai todo? Agardamos que como mínimo, moi ben. E senón, aquí estamos para axudar con novas receitas.
Ultimamente andamos algo atarefados por cuestións laborais, o que non nos deixa moito tempo para facer tantas novas receitas como quixésemos, e algunhas que facemos xa procuramos que sexan rápidas para non perder moito tempo ou que se podan reaproveitar. E nesta liña vai o prato de hoxe. Evidentemente, ao igual que todas as masas, non se caracteriza pola velocidade posto que hai que amasar, levedar, volver amasar, dar forma, cocer... Ben, mais danos a posibilidade de facer unha boa cantidade para conxelar e da que tirarmos posteriomente beneficio en múltiplas ocasións. Ou esa foi a nosa intención para estas semanas de apuro.
A sona deste produto vén dada polas panadarías e pastelarías dos Estados Unidos de América, recorréndonse alá a eles con moitísima frecuencia polas múltiplas posibilidades que ofrece, tanto doces como salgadas. E parece que chegou a América coa entrada de xudíos na súa fuxida durante a II Guerra Mundial, facéndoos moi coñecidos sobre todo en cidades como New York ou Boston,
Porén, a súa orixe remóntase ao século XIX, cando un panadeiro austríaco agasallou ao rei Xoán III de Polonia este pan enfornado polo seu papel na vitoria contra os otomanos. Parece pois, que esa forma circular se asemellaría aos estribos para montar a cabalo, unha das grandes afeccións do monarca. Curioso, canto menos. Mais sobre todo, saborosos!  


Bagels caseiros en dous xeitos

Ingredientes (para 6-8 unidades):

Para a masa:
  • 420 gr de fariña
  • 225 gr de auga morna
  • 40 gr de azucre
  • 25 gr de lévedo de panadaría
  • 2 culleradas de aceite
  • 2 culleriñas de sal
  • 1 ovo batido