Moi feliz Nadal, bolboreteir@s. Xa estamos na véspera dunha das noites máis especiais do ano ante a que fomos acumulando receitas especiais durante as últimas semanas e para a que traemos aínda unha outra, aínda que desta volta optamos polo salgado para non esquecermos o eixo central do menú natalicio.
Imos cunha carne exquisita que nos descubrimos hai ben pouco tempo, nun dos mellores restaurantes de Viveiro, e tamén da Mariña, As Tixolas. A meixela de porco é unha delicatessen ideal para lograr un menú que namore nestas festas, acompañándoo, por exemplo, dun marisco e unha selección de sobremesas como o turrón de leite condensada e conguitos ou as galletas do boneco de xenxibre.
O que si, chamounos a atención os problemas para conseguir meixela nas carnizarías coruñesas. Ou máis ben, o problema para que comprendesen a que nos referiamos, unha proba máis da anormalidade lingüística que vivimos, ben evidente no campo gastronómico. Tivemos que tirar de xestos cara ao maxilar da nosa cara para nos entenderen e así dicir "ah! carrillera!". Pois si, ese é o nome polo que o encontraredes na maior parte dos restaurantes. Ai... O caso, presentamos unha verdadeira xoia!