Fin das vacacións de Bolboretas no bandullo, mais esta volta ao traballo é diferente a outras xa que a nós sempre nos tarda volver a presentarvos novas receitas. Non hai cousa mellor.
E facémolo cun dos doces de moda, que encontramos en moitísimas pastelarías, normalmente con cores ben rechamantes. E claro, nós até agora non nos animáramos con eles. Ten unha explicación xa que cando os probamos, en Compostela, non nos chistaron moito. Porén, esta semana decidímonos a probar na casa, para ver como saían. E o resultado foi moito mellor do esperado. Talvez sexa pola crema de cacao, mais estes macarons dan boa alegría ao bandullo.
Esta larpeirada provén da Francia, de onde recollemos o termo, aínda que con orixe no italiano (maccarone, denominación dunha pasta seca do momento). Xurdiron no XVI como simples bases e non foi até o XIX cando se comezaron a unir de dúas en dúas cun recheo no medio, normalmente moi doce.
Nas últimas décadas, os macarons comezaron a ser comercializados nas grandes capitais mundiais, alcanzando cada vez máis éxitoso, sobre todo nestes anos de apoxeo da repostaría creativa. Ollade pois, que xeitosos son:
Macarons
- 70 gr de azucre glas
- 2 culleradas e media de améndoa moída
- 1 clara de ovo
- 1 cullerada de azucre
- Crema de cacao
- Colorante (opcional)
- Labras de chocolate (opcional)