As nosas vacacións polas Illas Baleares chegan á súa fin mais as receitas continúan. Entanto imos acumulando unha chea de pratos coñecidos e degustados en Mallorca que levaremos á práctica proximamente, traémosvos un recurso para o día a día dos que non dan traballo ningún e dos que alimentan ben.
O arroz así como outros cereais tórnanse fundamentais na nosa alimentación polos hidratos que nos achegan. Con todo, de degustarmos acotío arroz branco con salsa de tomate acabaremos aborrecidos del e obviamente non terá grandes beneficios. Así pois, o ideal é, comermos arroz unha ou dúas veces á semana e facérmolo de diversas formas xa que este ofrece mil e unha posibilidades de combinación permitíndonos integralo con verduras, carnes, peixes...
É clave contarmos cun bo arroz mais tamén cuns bos acompañantes así que nós sempre procuramos aqueles que máis nos gustan. Os arroces son uns dos pratos máis personalizábeis que hai e unha boa oportunidade para dar un "toque de chef importante". Aquí a nosa opción de hoxe :-)