sábado, 27 de xuño de 2020

Madalenas de crema de cacao con abelás

Bo día, bolboreteir@s! Nova receita e regresamos co doce a Bolboretas no bandullo. Desta volta unha que tiñamos gardada de unas semanas atrás cando celebramos un aniversario cunha sobremesa contundente coma esta. Aínda que é certo que as madalenas son unha lambetada apta para calquera momento do día. A nós encántannos ao almorzo, á merenda, de sobremesa...
Só é preciso pertencer ao club dos bos lambóns e gozar de ideas chocolateadas coma esta, na que non hai nin unha soa miga que non nos adoce bandullo e corazón. Velaquí a tedes.




Madalenas de crema de cacao con abelás



Ingredientes: 


  • 380 g de crema de cacao con abelás 
  • 150 g de fariña 
  • 3 ovos
  • 1 culleriña de lévedo en po
  • Un chisco de sal
  • Boliñas de chocolate 


Utensilios: moldes para madalenas, cápsulas para madalenas, unha cunca grande e un batedor eléctrico. 



Elaboración:


Para comezarmos, temos de bater os ovos até que dupliquen o seu tamaño. 




De seguir, agregamos a crema de cacao.


Mesturamos a fariña co lévedo e o sal e engadímolo á mestura anterior.



Repartimos a mestura nos moldes, cubertos coas cápsulas.



Botamos as boliñas de chocolate.


Enfornamos a 180°, calor abaixo, durante 20 minutos. 


Deixamos que arrefríen un pouco e xa estarían listas para comer. 


Apetecen a esta hora e a calquera. E se se vos fai a boca auga, agardade a recrealas e meter a primeira dentada. Que gustazo! Como prestan. De seguro que as desfrutades inmensamente, amig@s! Xa nos contades. Aperta!

Ningún comentario:

Publicar un comentario