domingo, 16 de decembro de 2018

Mexillóns en escabeche

Bo día, bolboreteir@s! Non chegamos para publicarmos onte porque andamos de presentacións (mañá e tarde) mais non podiamos faltar á cita da fin de semana.
Hoxe imos cun dos nosos mariscos favoritos. Ben realmente, case que cun dos nosos alimentos favoritos. Os mexillóns son ese molusco en ocasións menosprezado (talvez polo seu prezo máis baixo) e que nós consideramos de tanta ou máis valía que calquera outro, sendo ademais o prezo unha vantaxe, claro.
Até o de agora xa os degustamos de mil e unha formas, con salsa tigre, á mariñeira, sos... mais ficaba por realizar un clásico, en escabeche. Resultado máis que satisfactorio unha vez máis. Recomendación ben interesante para os petiscos deste Nadal... Imos ver: 




Mexillóns en escabeche



Ingredientes:

  • 2 kg de mexillóns
  • 1 vaso de viño
  • 1 vaso de aceite de oliva virxe
  • 1 vaso de vinagre de viño
  • 4 follas de laurel
  • 2-3 dentes de allo
  • 1 cullerada de pemento doce



Utensilios: unha pota con tapa, unha tixola, unha culler e un bote ou recipiente.


Elaboración:


Para comezarmos, botamos no fondo da pota o viño e 3 follas de laurel. Engadimos os mexillóns ben limpos. Tapamos e cociñamos até que se abran todos. Retiramos os mexillóns e reservamos un vaso do líquido.



Mentres tanto, rustrimos os dentes de allo e o laurel no vaso de aceite de oliva. 


Cando comecen a ter en cor, retiramos do lume e engadimos a cullerada de pemento doce. Remexemos moi ben. Engadimos tamén o vinagre e un vaso do líquido resultante de cocer os mexillóns. Mesturamos até que se integren ben. 



Retiramos os mexillóns das cascas e botámolos nun recipiente (mellor estreito e alto).


Botamos toda a salsa sobre eles. Tapamos e deixamos repousar no frigorífico, polo menos, unha noite. 


E xa estarían listos para comer!


Agardamos que vos gusten e que poñades esta fácil receita en práctica. Nós collemos unha bola de pan ben apetecíbel e démonos unha homenaxe. Que saborosos! Xa nos contaredes que tal van os vosos. Forte aperta, bolboreteir@s!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario