sábado, 8 de abril de 2017

Bacallau con allada arrieira

Bolboreteir@s, é día de nova receita. Ademais, seguro que moit@s andades ben content@s hoxe polo inicio das vacacións de Pascua. Para nós serán uns días de moito estudo e tempo para aproveitar mais tamén para preparar novas receitas para o blogue e para a canle de Youtube. Así que... moi atent@s ao blogue ;-)
Mentres tanto imos cun clásico, non tanto da Galiza como si de León, Aragón ou Navarra. Con todo, este prato caracterízase pola sinxelísima elaboración e por un sabor óptimo.
Non se ten moi clara a orixe desta elaboración do bacallau, aínda que seguindo as pegadas que deixa o nome se pensa na posíbel ligazón co traballo dos arrieiros.
Se somos sinceros, iniciámonos na degustación do bacallau hai moi pouco tempo. Tiñamos algún recordo non moi sabedeiro e asociado a un sabor demasiado forte para o noso gusto, probabelmente por non estar no punto correcto de sal. Porén, no FIOT probamos un par de tapas en que o bacallau era ben agradábel e en Portugal, na última viaxe acabou de conquistarnos cun bacallau con natas impresionante. Así pois, era momento de o preparar na casa. Había un pouco de respecto, mais ao mercar o bacallau xa desalado, ganabamos en tranquilidade. Ao final, logrouse o obxectivo, un bacallau exquisito!


Bacallau con allada arrieira



Ingredientes:


  • 350 g de bacallau
  • 200 ml de salsa de tomate
  • 1/2 pemento vermello
  • 1/2 pemente verde
  • 1 cebola
  • 2-3 dentes de allo
  • 1 chile
  • Pementa moída
  • Sal
  • Aceite de oliva virxe

Utensilios: unha tixola, unha táboa e un coitelo e unha culler.


Elaboración:


Para comezarmos, quentamos dúas culleradas de aceite e rustrimos o allo, cortado en láminas. 


Cando estea dourado, engadimos os pementos e a cebola, picados finamente. Cociñamos 10-15 minutos.


Despois, engadimos o bacallau desfaragullado. 


Mesturamos moi ben e cociñamos 2-3 minutos. 


Agregamos a salsa de tomate e cociñamos 5 minutos máis. 




Servimos e xa estaría listo para comer! 


Agardamos que vos guste e que o fagades na casa porque a verdade é un prato ben sorprendente. 



Agora podedes incorporalo a unha tosta, degustalo así directamente, cun bocadiño de pan tal e como nós fixemos ou dándolle un novo enfoque. Iso si, se seguides a liña de pasos e ingredientes aquí marcada, terede un bacallau con allada arreieira para lamber os beizos. Impresionante! Agardamos que gustedes inmensamente e que lle deades realidade á receita. Unha forte aperta, amig@s!

3 comentarios: