martes, 10 de xaneiro de 2017

Garavanzos crocantes

Bo día, bolboreteir@s!! Agora si, despois da emoción da fin de semana co comezo no Youtube con eses pasteliños de patacas e nabizas, comezamos o ciclo depurativo. Foron moitos os excesos do Nadal, ao igual que todos os anos claro, e agora toca compensar un pouco con receitas saudábeis coas que non perderemos o gusto e goce culinario, por suposto.
Así, a primeira destas opcións foi unha ocorrencia de hai unhas semanas na que sobraron uns poucos garavanzos da elaboración do bocadillo de salchichas vegano, do que vos deixamos aquí a receita, e que como non queriamos desaproveitar pois maxinamos un pouco nunha opción que podemos dicir que bate récord de sinxelexa pois apenas se preparan en dous minutos, sen exaxerar.
E parece que non, mais con nada máis que os pasos que vedes a seguir, este legume adquire unha outra dimensión pois devorámolos como se flocos de millo se tratar. Convértense nun petisco ao que iredes unha e outra vez. Aquí fica a idea!

Garavanzos crocantes


Ingredientes:

  • Garavanzos cocidos
  • Especias ao gusto:
    • 1 culleriña de allo en po
    • 1 culleriña de ourego
    • 1/2 culleriña de comiño
    • 1/2 culleriña de curry
    •  1/2 culleriña de pemento 

Utensilios: unha cunca, unha bandexa de forno e papel vexetal.


Outra opción: Se queredes utilizar garavanzos en crú, tédelos que pór a remollo o día anterior e no forno tardarán 30-35 minutos 😉 (o resto dos pasos sería igual).

Elaboración:


Para comezarmos, colocamos os garavanzos nunha bandexa de forno cuberta con papel vexetal. 


Engadimos as especias e mesturamos moi ben.


Enfornamos a 200º, calor arriba e abaixo, aproximadamente 15-20 minutos, mais debemos ir comprobando para que non se pasen. Servimos nunha cunca.


E xa estarían preparados para comer!! 


Non vos enganamos. Como vedes, o único que hai que agardar é que o forno traballe un pouco, pois a nós non nos toca demasiado por facer nesta receita. Bon, si, a parte clave, a de lle dar saída ao prato enviándo todo ao mellor sitio de almacenaxe: o bandullo! 
Estes garavanzos crocantes supoñen unha boa opción de acompañamento para unha cea lixeira e saudábel como as que seguro xa andades a realizar nesta semana. Xa nos diredes. Agardamos as vosas novas, unha forte aperta!

4 comentarios:

  1. que originales, tienen que ser un vicio, bicos

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Sii, si que o son, haha! Comes un e xa non paras!
      Mil grazas e bicos :*

      Eliminar
  2. Me parece un plato exquisito con todas las especias que le has echado.
    Me gustan los garbanzos e intentaré probarlos según tu receta, muchas gracias por compartirla.
    Cariños y buen fin de semana.
    kasioles

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Que alegría que che guste a receita! A verdade é que moi sinxela, dá moito xogo e están deliciosos os garavanzos así ;)
      Moitas grazas a ti!
      Unha aperta enorme!

      Eliminar