martes, 17 de novembro de 2015

Faragullas de pescada

Non queremos que pensedes que nos esquecemos do peixe, eh! Que ben bo que está, aínda que talvez o deberiamos aumentar na nosa alimentación. E un dos que sempre temos a man é a pescada, xa que o consideramos superversátil e recorrente.
Mais para que vexades que non todo está planificado na cociña e non todo sae ben, contámosvos como chegamos a esta receita. De seguro que vos teñen pasado cousas parecidas:
Tiñamos pensado aproveitar media pescada que tiñamos no forno para lle sacar uns filetes e facelos á grella. Mais claro, era a nosa primeira vez para dito labor. E fracasamos, haha. Non fomos capaces de lamilas a pescada, a falta de experiencia pagouse desta volta. Mais claro, non iamos desaproveitala, por suposto que non. E o que fixemos foi retirar os anacos que desfixemos na tentativa, para elaborar unha receita con eles. E isto foi ao que chegamos:

Faragullas de pescada



Ingredientes (para 2 persoas):
  • 1/2 pescada
  • 1/2 cogombro
  • 2-3 dentes de allo
  • 1 presa de pirixel
  • 1 chili
  • 2 culleradas de aceite
  • Auga
  • Sal

Utensilios: unha pota, unha cunca, unha culler, unha tixola e un coitelo.

Elaboración:

Para comezarmos, temos de cocer a pescada nunha pota con auga e un chisco de sal, tardará, aproximadamente, 15 minutos. Despois esfaragullámola e reservamos.


De seguir, rustrimos os dentes de allo laminados e o chili no aceite até que se douren.


A continuación, botamos sobre a pescada os allos dourados, o aceite e o chili (opcional), xa que iso será o seu aliño. Botamos tamén o pirixel picado.


Pelamos e cortamos o cogombro, en anacos pequenos, e engadímolo á mestura.


Mesturamos moi ben e xa está lista para comer!!


Xa vedes, hai que saber saír dos apuros dunha ou outra forma. E a verdade é que desta volta ficamos máis que satisfeitos coa solución. Este prato ten moitas similitudes co salpicón de pescada, mais cunha textura especial e con certos ingredientes cos que pretendiamos darlle un toque orixinal. 
Se dicimos que a pescada e tan versátil é por feitos coma este. Tanto se dá para comer fría como quente, en salsa ou á pranca. Iso si, vós xa podedes optar por cocer os anacos de merluza enteiros e desfaragullala posteriormente. Non é presiso que sigades o paso do "falso cortado de filetes" hahaha.
Ben, pois agardamos que lle tiredes proveito a este invento. Xa nos contaredes ou nos enviaredes foto. Apertas!!


4 comentarios:

  1. que rica forma de tomar pescado, apuntada queda bicos

    ResponderEliminar
  2. Me encanta el pescado y no dudo que la merluza asi este de rexupete te ha quedado un plato divnisimo.
    Bicos mil wapa.

    ResponderEliminar