sábado, 21 de febreiro de 2015

Biscoitiños de cenoria e mazá

Como vai lectores/as? Xa recuperastes do Entroido e das súas larpeiradas?? Por aquí aínda andamos hoxe despedíndonos dos freixós :'( Aínda que vexo difícil agardarmos até o ano que vén por eles, algún día teremos que facer unha homenaxe ao Entroido aínda en datas distantes :-) Por certo, podedes botarlle un ollo ao artigo que escribimos para o xornal Sermos Galiza sobre esta larpeirada entroideira e o seu peso na gastronomía e cultura galega (Artigo Sermos) .
Con todo, as larpeiradas nós nunca as deixamos de lado. Esta semana queriamos facer un doce máis suaviño despois de todo o manducado estes días. Pensamos así nun biscoitiño fresco e lixeiro e no que integrarmos dous produtos que lle dan un sabor... impresionante!
Iso si, a modo de estratexia fixémolos cuns moldes de madalenas porque así talvez é máis sinxelo controlarse á hora de comer as porcións. Porque se o facemos o tamaño tradicional do biscoito arriscámonos a cortar cachos enormes deixándonos levar polo apetito dos ollos. E agora toca controlar un pouco e non exceder, haha. Aí vos vai: 

Biscoitiños de cenoria e mazá

Ingredientes:
  • 150 gr de fariña
  • 50 gr de manteiga
  • 30 gr de azucre
  • 4 cenorias
  • 2 ovos
  • 1 mazá
  • 1/2 vaso de leite descremado
  • 1/2 sobre de lévedo en po
  • Un chisco de sal


Utensilios: pota ou cazo, molde para madalenas, batedor (eléctrico e manual) e unha espátula.

Elaboración:

Para comezarmos, temos de lavar e pelar as cenorias. Cortámolas en anaquiños e cocémolas até que estean brandiñas, aproximadamente 20 minutos. Logo escoámolas e triturámolas. Reservamos. 




De seguir, mesturamos a manteiga, que debe estar en pomada, co azucre. Despois, engadímoslle as xemas do ovo. As claras debémolas montar a punto de neve e reservar. 


A continuación, botamos o leite e a fariña e o lévedo peneirados. 



Agregamos o puré de cenorias e a mazá, cortada en cadradiños pequenos.


Despois, engadimos as claras, e integrámolas con movementos envolventes para que non baixen.


Botamos a mestura nos moldes para madalenas e enfornamos a 160º (o forno debe estar prequente), calor abaixo, durante 25 minutos.


Deixamos que arrefríen un pouco e xa estarían listas para comer! Teñen boa pinta mais saben aínda mellor, uns biscoitos que a nós nos encantan para o almorzo, acompañados dun zume de laranxa. Con todo, están boísimos en calquera momento xa que teñen o punto de dozura necesario para un biscoito mais que o fai máis suave que outros que empachan moito máis. Merece a pena probalos. Podedes facer unha boa cantidade e así xa tedes almorzo para toda a semana, xa que estes biscoitiños tardan bastante en se pór resesos. Unha aperta lambonciñ@s!! 

4 comentarios:

  1. Estos bizcoxitos de zanahoria y manzana se ven deliciosos yo tengo uno pendiente de publicar desde sptiembre del año pasado a ver si me pongo las pilas que se me acumulan las recetas jajaja.
    En casa nos encanta el pollo pero con manzana no tuvo mucho exito una vez que lo hizo mi madre siguiendo una receta que le dio una amiga ,pero a mi no me importaria cenar un platin de este tuyo uummmmm.
    La galleta xxl divinisimaaaaaaaa ademas de rica.
    Bicos mil y feliz finde wapa.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Está ben ter receitas acumuladas xa que así se tes algún imprevisto, tes plan B, haha!
      Moitísimas grazas polos teus comentarios!
      Un bico!

      Eliminar
  2. el bizcocho de zanahoria me encanta y si ademas le añades manzana tiene que estar muy jugoso y riquisimo! bicos

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Sii, a verdade é que está moi saboroso coa mazá, dálles un toque moi especial!
      Un bico!

      Eliminar