Cantas veces vos diriamos xa canto nos encanta a pizza! Gustamos tantísimo que xa non sabemos de que forma preparala. Con masa de fariña de trigo, calzone, con follado, en rolo... Mimá, que verdadeira delicatessen nos deixou a gastronomía italiana.
Sexa como for, aínda temos moitas versións pendentes e unha desas era a que hoxe vos presentamos. Coñecimos estes pizza rolls a través dalgunha cadea de pizzas hai tempo e tamén o temos visto nalgunha páxinas destas de vídeos tasty que tanto adoramos. Era pois, momento de traermos a idea a Bolboretas no bandullo, coas correspondentes adaptacións e toque da casa.
Somos de probar todo tipo de ingredientes na pizza mais casualmente poucas veces optamos por aqueles chegados do mar. Aproveitamos desta volta uns mexillóns sobrantes, compramos unhas gambas e logramos un prato de luxo e económico que habedes tardar tempo en esquecer.
Se é que... canta marxe nos dá a cociña para a creatividade, que disciplina tan marabillosa! Aí vai unha nova creación.
Roliños de pizza mariñeira (pizza rolls)
Ingredientes:
- 1 masa de pizza
- Salsa de tomate
- Queixo relado ao gusto
- 1 bóla de mozzarella
- 12-15 mexillóns cocidos
- 12-15 gambas
- 1/2 pemento vermello
- Ourego