Bo día, bolboreteir@s!! Como vai todo? Agardamos que ben. Levabamos un tempo que cada vez que vos estabamos a escribir, ollabamos como diluviaba fóra, tal e como se espera no inverno claro. Pois esta semana, xa vedes que nos puxeron o mel nos labios, e non o dicimos pola última receita, senón por este sol que tanto anima a pasear e facer vida fóra.
Mais ben, ao que imos. Por aquí andamos dous amantes do pan, das masas polo que vos imos presentar unha receita que desfrutamos ben.
Para algúns, o título da receita será novidoso pois talvez non coñezades o kamut, tal e como nos pasaba a nós. Con todo, uns días atrás unha marabillosa compañeira de traballo mostrounos este recurso que a ela tanto lle prestaba en pan, empanadas e tortas.
Investigamos e fomos por el a unha tenda ecolóxica na Coruña. Podédelo conseguir tamén nestes estabelecementos que venden a granel.
Falamos dunha variedade antiquísima de trigo que, segundo din, xa se cultivaba no Exipto hai millóns de anos e que se dá en zonas excepcionalmente cálidas e que na actualidade se comercializa a través da empresa Kamut Internacional, protexéndoo baixo a marca kamut (trigo en exipcio).
O que sorprende desta subvariedade do cereal é a gran cantidade de propiedades que ofrece. Aínda que descoñecidos para moitos e moitas, entre os que nos encontrabamos, é apreciado por ser moi rico en proteínas, contido en minerais (zinc e magnesio, por exemplo) e en xeral destaca pola súa capacidade antiinflamatoria e antioxidante. Vaia, toda unha xoia sobre a que vos animamos a vos informar.