Amosando publicacións coa etiqueta muller. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta muller. Amosar todas as publicacións

martes, 15 de maio de 2018

Tacos de ragú á provenzal (Anagnórise)

Bo día, bolboreteir@s! Como vai todo? Aquí preparados para nos meter xa de cheo na semana das Letras Galegas sumándonos humildemente ás iniciativas levadas a cabo en todo o país arredor da figura homenaxeada neste 2018, María Victoria Moreno. 
Como xa sabedes, un dos obxectivos de Bolboretas do bandullo consiste en levar da man gastronomía e cultura polo que tentamos xerar algún que outro pequeno proxecto en que participen estes ámbitos. María Victoria Moreno, a que estamos a coñecer con maior profunidade nestes meses, danos moitísimo xogo neste aspecto, pois era unha tremenda apaixonada da gastronomía pola que ten confesado moitas horas de dedicación. E claro, ás veces esa vocación culinaria, inseríase na súa proxección literaria. 
Estas pasadas semanas estivemos relendo a que consideramos a súa obra mestra, Anagnórise, e aínda que a cociña non é o tema central da peza si xorde en ocasións como contexto propicio para intensas conversas entre os protagonistas, mesmo dando lugar a reflexións do máis curiosas como cando Xulia  recomenda a Aris non perder atención de nada do que sucede ao seu redor, percibindo así, por exemplo, como as polbeiras pasaban o prato do polbo pola propia auga na que se cocera antes de servir as racións.
Mesmo nunha pasaxe da obra, na que paran a xantar nun restaurante e o protagonista nos presenta unha acumulación de pratos do máis apetisosos e que veñen a demostrar o interese e coñecementos culinarios da autora. Deixámosvos este fragmento para que vexades onde nos inspiramos para levar a cabo esta saborosísima receita:
Eu comezo a ler na carta, pero os nomes dos pratos que se ofrecen non me fan pensar en comida. Pescada á primavera, pescada á romana, rabada á galega, coche vermello con litro e medio de cilindrada, robaliza á prancha, ollos negros que me fitan, costeleta de xovenca, ragú á provenzal, trescentos quilómetros percorridos, año de Castela, cabrito ao forno, sorbete de kiwi, Natalia ten ollos azuis, xeados variados, copa da casa, hai outra mesa posta a esa hora... A trescentos quilómetros deste restaurante hai unha mesa posta cun prato para min. ¿Cando, cando exactamente comezarán a comer? ¿Cando, cando exactamente comprenderán que non vou chegar?
Levanto os ollos da carta e atópome cos ollos dela, que teñen agora un mirar solermiño.



Tacos de ragú á provenzal (Anagnórise)



Ingredientes:


  • Tortillas de trigo/millo
  • 1 peituga grande
  • 2 tomates
  • 1 cebola grande
  • 2-3 dentes de allo
  • 1/2 vaso de viño branco
  • 1 folla de loureiro

sábado, 1 de abril de 2017

O sabor da arte: Maruja Mallo

Bolboreteir@s, hoxe chegamos con ganas de vos sorprender e de festexarmos o Día das Artes Galegas, unha celebración cun percorrido moi breve mais moi necesario para enxalzarmos un campo no que somos moi fecundos cuantitativa mais sobre todo cualitativamente, a arte. Porén, por que un artigo este ano, despois de dúas edicións. Temos varios motivos mais un é o que nos move principalmente: a artista honrada é Maruja Mallo, quen sempre admiramos e consideramos infravalorada, aínda que ben é certo que nos últimos anos se ten avanzado moito no coñecemento e difusión da súa obra.
Sexa como for, estivemos sempre ben orgullosos de Viveiro ter unha representante no mundo como Maruja Mallo e o seu legado artístico, imborrábel. Así pois, hoxe imos presentar un pequeno xogo a través de varias das obras da artista vangardista. Antes de nada, gustaríanos deixar claro que este percorrido parte da paixón de dous admiradores de Maruja Mallo mais non especialistas nin críticos de arte. O que encontraredes aquí si ten un afán lúdico cunha aproximación a cadros de Maruja Mallo e unha interpretación gastronómica dos mesmos. É dicir, tentamos facer a nosa humilde achega á difusión da obra da artista a través dun ámbito que nós cremos con moitas posibilidades.
Maruja Mallo (Ana María Gómez González) nace en Viveiro no 1902. Apenas pasa tres anos na cidade do Landro, residindo en diferentes localidades até instalarse en 1922 en Madrid onde ingresa na Academia de Belas Artes e coñece a diferentes membros da Xeración do 27.
Alí xa se mostra como unha muller moderna, libre e integrada nas actividades frecuentadas habitualmente por homes como cafés literarios ou deportes. Durante esta primeira década en Madrid xa traballa para diferentes publicacións como La Gaceta Literaria, El Almanaque Literario ou Revista de Occidente, realiza portadas de libros e comeza a recibir críticas positivas de figuras tan relevantes como Ortega y Gasset. Así mesmo, presenta os seus primeiros traballos.