Amosando publicacións coa etiqueta Letras Galegas 2018. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Letras Galegas 2018. Amosar todas as publicacións

sábado, 19 de maio de 2018

Sopa máxica, de María Victoria Moreno

Bo día, bolboreteir@s! Pasou o 17 de maio mais permanece o compromiso e amor pola nosa lingua. Hoxe imos pechar a semana das Letras Galegas coa segunda homenaxe a María Victoria Moreno e para iso volvemos partir dos seus textos e da súa paixón culinaria.
Desta volta, fixemos a lectura dunha das súas pezas infantís, "Un cachiño de bica?" na que a imaxinación e o ludismo se encontran arredor dunha mesa onde pasan diferentes pratos e receitas. O protagonismo, alén da comensal, está en Iván, un meniño, e Nica, a súa cadela. Deixámosvos este fragmento no que nos inspiramos para crear esta sopa máxica que cremos representa a dozura da escrita infantil María Victoria Moreno e o efecto constante de sorpresa que nos encontramos na súa obra. Porque si, esta sopa sorprenderavos, e moito!

Pedín un café con leite á camareira e tróuxome unha taza chea de letras.
E unha culler, por se me viña antollo de remexer.

As letras eran doces, eu tiña fame, e decidín comelas, ata fartarme.
Mais tiñan vida, eu achegaba a boca e elas fuxían.

Eran lenes e dondas as máis das letras, sorrían en colores de bolboretas...
E chanceaban: cando eu quería pillalas, elas voaban.

Brincaban ó seu gusto sobre o mantel, xuntándose en palabras que puiden ler:
Amor e pan,
casa, escola e camiños,
Nica e Iván.
[...]

Agora animámosvos a descubrirdes coa lectura, como remata este fantástico relato. E mentres tanto, deixámosvos coa nosa receita-homenaxe:


Sopa máxica, de María Victoria Moreno




Ingredientes:


  • 150 g de chocolate branco
  • 100 ml de nata para cociñar
  • 100 ml de leite
  • 1 iogur grego (opcional)

martes, 15 de maio de 2018

Tacos de ragú á provenzal (Anagnórise)

Bo día, bolboreteir@s! Como vai todo? Aquí preparados para nos meter xa de cheo na semana das Letras Galegas sumándonos humildemente ás iniciativas levadas a cabo en todo o país arredor da figura homenaxeada neste 2018, María Victoria Moreno. 
Como xa sabedes, un dos obxectivos de Bolboretas do bandullo consiste en levar da man gastronomía e cultura polo que tentamos xerar algún que outro pequeno proxecto en que participen estes ámbitos. María Victoria Moreno, a que estamos a coñecer con maior profunidade nestes meses, danos moitísimo xogo neste aspecto, pois era unha tremenda apaixonada da gastronomía pola que ten confesado moitas horas de dedicación. E claro, ás veces esa vocación culinaria, inseríase na súa proxección literaria. 
Estas pasadas semanas estivemos relendo a que consideramos a súa obra mestra, Anagnórise, e aínda que a cociña non é o tema central da peza si xorde en ocasións como contexto propicio para intensas conversas entre os protagonistas, mesmo dando lugar a reflexións do máis curiosas como cando Xulia  recomenda a Aris non perder atención de nada do que sucede ao seu redor, percibindo así, por exemplo, como as polbeiras pasaban o prato do polbo pola propia auga na que se cocera antes de servir as racións.
Mesmo nunha pasaxe da obra, na que paran a xantar nun restaurante e o protagonista nos presenta unha acumulación de pratos do máis apetisosos e que veñen a demostrar o interese e coñecementos culinarios da autora. Deixámosvos este fragmento para que vexades onde nos inspiramos para levar a cabo esta saborosísima receita:
Eu comezo a ler na carta, pero os nomes dos pratos que se ofrecen non me fan pensar en comida. Pescada á primavera, pescada á romana, rabada á galega, coche vermello con litro e medio de cilindrada, robaliza á prancha, ollos negros que me fitan, costeleta de xovenca, ragú á provenzal, trescentos quilómetros percorridos, año de Castela, cabrito ao forno, sorbete de kiwi, Natalia ten ollos azuis, xeados variados, copa da casa, hai outra mesa posta a esa hora... A trescentos quilómetros deste restaurante hai unha mesa posta cun prato para min. ¿Cando, cando exactamente comezarán a comer? ¿Cando, cando exactamente comprenderán que non vou chegar?
Levanto os ollos da carta e atópome cos ollos dela, que teñen agora un mirar solermiño.



Tacos de ragú á provenzal (Anagnórise)



Ingredientes:


  • Tortillas de trigo/millo
  • 1 peituga grande
  • 2 tomates
  • 1 cebola grande
  • 2-3 dentes de allo
  • 1/2 vaso de viño branco
  • 1 folla de loureiro