Xa sabedes que en Bolboretas no bandullo encontrades moi diferentes receitas. Pratos estranxeiros, pratos tradicionais, versión de outros autores ou autoras adaptadas… mais talvez cun dos momentos que máis desfrutamos é co de inventarmos e argallarmos lambonadas que saen do noso maxín.
E se isto o facemos aproveitando sobras, a alegría acaba por ser inmensa. Recordades o bolo-pizza de pepperoni, verdade? Pois se lembrades, un dos pasos era retirar o miolo e este nunca volveu aparecer en escena. Mais nada de tiralo, non. No momento non tiñamos tempo para facer nada con esa miga polo que o mandamos para o conxelador.
Pasados uns días, retiramos e matinamos sobre que elaborar. A verdade é que estabamos imaxinativos porque xurdiron dúas ou tres ideas. Porén, houbo unha que se mereceu a posta en práctica por ser a máis doce. Que xa sabedes como nos pomos nós co doce…
Aquí vos vai o resultado desta enxeñosa sobremesa. Et voilà!
Migas larpeiras
Ingredientes:
- 200 gr de miga de pan
- Unhas onzas de chocolate
- Aceite para fritir
Para o caramelo ao microndas:
- 100 gr de azucre
- 20 ml de auga