Bo día, amig@s e que viva México!!!! Hoxe quedamos un pouquiño máis tranquilos xa que por fin, por fin, traemos unha das grandes descubertas que fixemos na nosa viaxe á Riviera Maya en 2018. É certo que moito da gastronomía que probamos estaba neutralizada polo efecto resort mais tamén tivemos oportunidade de visitar algunha vila e degustar a auténtica cociña do estado de Yucatán. Dalgúns pratos xa escoitáramos falar debido á súa evidente internacionalización: fajitas, chile... Pero a verdade é que non coñeciamos nada da cochinita pibil. E vaia!!! Que sorpresa. Xa vos falaramos dela no artigo que creáramos despois da lúa de mel pero non fora até agora que nos atreveramos a cociñar, entre outras cousas polo tempo que precisa a carne.
Tiramos dos ingredientes máis similares e obviamente non contamos co forno baixo terra en que orixinariamente deixaban cocer a carne nin coas follas de plátano mais na verdade é que cremos que obtivemos un resultado moi satisfactorio e que nos leva inmediatamente ao aroma do Caribe.