Como vai todo, bolboreteir@s? Hoxe seguro que vos sorprendemos pois imos cambiar o rexistro. Non traemos receita nova mais iso non quita que vos vaiamos abrir moitísimo o apetito. Após dez anos xa instalados na Coruña, apetecíanos preparar un breve artigo (estes días andamos algo apurados) no que vos comentamos algunhas das nosas preferencias gastronómicas na cidade herculina. Xa dicimos que breve, porque a verdade é que se nos deixamos ir, isto daría para moito corenta ou cincuenta ben apetecíbeis.
Non temos afán de críticos gastronómicos nin imos desglosar aquí todas as características de cada un deles, simplemente nos apetece ofrecervos algúns dos puntos da cidade que máis nos agradan, explicando tamén algúns dos motivos. Para o resto, podedes tirar de Tripadvisor, haha. Imos alá coas nosas recomendacións!
5 recomendacións gastrocoruñesas
1. O lagar da Estrella
Situado na rúa da Estrela, conquístanos desde desde o primeiro momento. Nós sempre prestamos moita atención ao pan, e no Lagar da Estrella non descoidan isto. De feito, forma parte dos entrantes cos que imos abrindo apetito, xunto cun aceite intenso para mollar pan, nunca mellor dito.