Bo día, bolboreteirxs! Que tal? Xa estamos en outubro, como pasa o tempo! Xa coas receitas de castañas, cabaza e Samaín, que delicia os ingredientes desta época, verdade?
Hoxe traémosvos unha receita que xa foi viral hai un tempo mais que nós aínda non fixeramos, mais farémola máis veces tanto pola súa versatilidade, como porque é rapidísima en 10/15 minutos temos unha comida resolta.
Imos facer unha mestura dun taco e dunha hamburguesa, xa que, en lugar de pan de hamburguesa, imos usar as tortillas das "fajitas". Nós dámosvos a nosa versión desta receita mais podedes xogar cos ingredientes que teñades pola cociña. Esperamos que vos guste!
Tacoburguesa
Ingredientes (para 1 tacoburguesa):
- 1 tortilla de "fajita" de trigo ou millo
- 100 g de carne picada
- Queixo ao gusto
- 1/2 aguacate
- 1/2 tomate
- 1/2 cebola pequena
- Cogombriños
- Salsa Siracha Mayo
- Ourego
- Allo en po
- Cebola en po
- Pementa moída
- Sal

Utensilios: unha tixola, un prato e unha táboa e un coitelo.
Elaboración:
Para comezarmos, temos de sazonar a nosa carne co ourego, o allo en po, a cebola en po, a pementa moída e o sal. Colocamos a carne sobre a tortilla e apertámola ben.
Nunha tixola quente, colamos a tortilla coa carne ao revés, para que se cociñe ben a carne.
Cando a carne estea no punto que nos gusta, sacámola.
Botamos o queixo, co calor da carne seguro se derrete un pouco. Podedes escoller o que máis vos guste ou o que teñades na casa. Nós usamos un afumado.
De seguir, colocamos a cebola e o tomate, cortados en lascas.
O cogombriño.
O aguacate, ao que lle botamos un pouco de sal e pementa.
E a salsa.
Dobramos á metade e xa estaría lista para comer!
Agardamos que vos guste e que poñades en práctica esta receita.
Como vedes, é moi moi sinxela e podémola adaptar aos nosos gustos, poderíamos botarlle espinacas, leituga, cenoria, bacon... ou calquera outra salsa que vos guste. Esperamos que a poñades en práctica e nos mandedes algunha foto co resultado.
Unha aperta fortísima! Lémonos, bolboreteirxs!
Ningún comentario:
Publicar un comentario