martes, 21 de abril de 2020

Pan de abelás

Ola de novo, bolboreteir@s!! Aquí seguimos, coa nosa rutina blogueira e agardando novos tempos de liberdade mentres aproveitamos estes para crear e gozar co peque.
Un dos fenómenos gastronómicos do momento está a ser o pan caseiro. Debido ás prohibicións, medo ao exterior e sobre todo, tempo libre, estase a producir a sensación do pan en moitísimos fogares. E nós non podemos estar máis contentos xa que é desde sempre unha das nosas paixóns. Ben, a cociña en xeral e as masas en concreto. Pena de non termos un forno de pedra ou de leña no piso porque entón si que habían de perder cartos con nós as panadarías.
Sexa como for, como xa tiñamos bastantes receitas deste produto no blogue non sabiamos moi ben por onde atacar e sumarnos á corrente até que nos dixemos: e se facemos o pan doce? E así nace esta receita dun pan tamén aproveitábel para o almorzo ou merenda e especialmente para a sobremesa despois dun xantar non moi contundente. Velaquí tedes este pan de abelás!





Pan de abelás



Ingredientes:

  • 225 g de fariña de trigo
  • 100 g de azucre
  • 100 g de abelás
  • 2 ovos
  • 1 sobre de lévedo
  • 1 cullerada de esencia de vainilla
  • Un chisco de sal



Utensilios: unha cunca, un batedor, unha espátula, unha bandexa de forno e papel vexetal. 


Elaboración:

Para comezarmos, temos de bater os ovos, a vainilla e a manteiga derretida.


Engadimos esta mestura sobre a fariña e o lévedo, e tamén as abelás. 


Amasamos até ter unha masa homoxénea e pasámola a unha superficie enfariñada. Deixamos repousar 1 hora.


Pasado ese tempo, facemos dúas barriñas e deixamos repousar 30 minutos máis


Enfornamos a 180º, co forno prequente, durante 20 minutos. 


Deixamos que arrefíe un pouco (os que resistades) e xa estaría listo para comer! É certo que a nós o pan gústanos do dereito e do revés mais esta versión sorprendeunos e aínda que non é para todos os días, si está ben para gozar de vez en cando. Aperta forte e moita forza!


Ningún comentario:

Publicar un comentario