sábado, 21 de marzo de 2020

Pan naan

Bo día, bolboreteir@s! Agardamos que manteñades o ánimo e a forza para resistirmos estes días/semanas que fican de confinamento. Por aquí xa temos case para un novo libro de tantas reeitas que levamos feitas nesta semana. 
Desta volta imos cun pan bastante diferente. Xa sabedes que é unha das nosas paixóns e gústanos probar unha e mil variantes. Esta non é a mellor xa que a nosa perdición máxima son as receitas de pan tradicional galego (aí si que o noso é o mellor, con diferenza, ha!) mais si é un dos tipos de pan con máis sabor que até agora encontramos.  De orixe india sorprende por non precisar forno e por non deixar indiferente. Ollade que apetitoso!



Pan naan


Ingredientes:

  • 250 g de fariña
  • 30 ml de auga morna
  • 15 ml de aceite
  • 9 g de bicarbonato
  • 5 g de sal
  • 5 g de azucre
  • 1 iogur natural
  • Manteiga
  • Allo en po
  • Perexil
  • Un chisco máis de auga

Utensilios: unha cunca, un vaso, unha prancha e un rolete.


Elaboración:


Para comezarmos, temos de mesturar a fariña co sal e o azucre.


Facemos un oco no centro e botamos o iogur. 


Sobre o iogur, botamos o bicarbonato e mesturámolos ben (iogur + bicarbonato) e deixamos repousar 5 minutos. 


Pasado ese tempo, veremos algunha burbulla no iogur. 


Agregamos o aceite e mesturamos moi ben, xa incluíndo a fariña. 


Engadimos a auga, pouco a pouco até formar unha masa homoxénea. 




Deixamos repousar 20 minutos e, despois, facemos un rolo e cortamos en 6 partes. Boleámolas. 



Estiramos cada bola un chisco, botámoslle allo e perexil por un lado e seguimos estirando para que se peguen ben á masa. 


Quentamos unha prancha e colocamos o pan polo lado que non ten o allo. 



Cociñamos 1 minutos e antes de darlles a volta pintamos coa manteiga derretida. Cociñamos outro minuto polo outro lado. 


Servimos e xa estaría listo para comer! 


Con este pan só, abonda para merendar. É máis contundente do que pode parecer e para o noso ver, resulta ideal para acompañar un xantar ou cea algo máis lixeiro como pode ser unha ensalada. Agardamos con isto darlle algo de sabor a estes días de feche. Aperta forte e moitísimo ánimo, bolboreteir@s!

3 comentarios:

  1. Ola,son Nerea. Teño 11 anos. Son moi fan vosa. Poderiadesme contestar?

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ola Nerea! Que tal? Claro que che podemos contestar! Para nós é un orgullo que nos leas!
      Unha aperta!

      Eliminar
  2. Moitas grazas por respomderme.

    ResponderEliminar