sábado, 28 de decembro de 2019

Zamburiñas

Boas festas, bolboreteir@s! Esperemos que esteades pasando uns días marabillosos coa vosa xente. Nós estamos a vivir un Nadal do máis especial mais iso si, en calquera momento, rebentamos!
E falando de comida. Non vos pasou nunca que non sabedes como puidestes vivir sen algo até o momento en que o probades. Pois as zamburiñas entraron hai ben pouco na nosa listaxe de mariscos e fixérono para quedar para sempre. E este foi o primeiro Nadal en que as preparamos na casa e guauuuuuuuu. Que delicatessen! Un destes mariscos aos que apenas lles fai falta nada para sobresaír. Ben, en realidade como a maior parte dos nosos produtos do mar. Aquí vai!




Zamburiñas



Ingredientes:


  • Zamburiñas
  • Aceite de oliva
  • 4-5 dentes de allo
  • Pirixel
  • Sal




Utensilios: unha prancha, unha tixola, unha cunca, un coitelo e unha culler.



Elaboración:


Para comezarmos, temos de picar os dentes de allo e o pirixel.


Nunha tixola, botamos un fondo de aceite, un cm aproximadamente, e botamos o allo e pixirel. 


Quentamos a lume baixo e, cando ferva, apagamos o lume e reservamos. 


Nunha prancha, botamos dúas culleradas de aceite e sal. Poñemos as zamburiñas e cociñamos 2 min, máis ou menos. 


Sacamos do lume e, cunha culler, botamos o aceite allado sobre elas. 


E xa estarían listas para comer! Entran xa polos ollos, verdade? Pois nós collémolas a bo prezo nestes días e gozámolas inmensamente así que non podemos máis que recomendar a súa preparación nos próximos días. Sede moi felices!


3 comentarios: