sábado, 19 de outubro de 2019

Torta tenebrosa

Bo día, amig@s! Como vai. Aquí andamos emocionados xa coa chegada da primeira festa temática do outono. Aproxímase o Samaín, que por sorte vén recuperando terreo nos últimos anos e que nós queremos reforzar desde Bolboretas no bandullo coa creación de receitas axeitadas. Ademais, évos unha festa que dá moi ben co noso carácter. Xa sabedes, aquí somos moi de ánimas en pena, cemiterios e contos de medo arredor da lareira antigamente e agora pois... arredor dunha torta coma esta.
É ideal se tedes peques na casa. O Xiao de momento non dá a súa opinión mais nós imos practicando para cando se emocione máis con estas argalladas gastronómicas de seus pais. Entretanto, agardamos que vos poda servir para darlle un pouco de sabor e escuridade a estes días que se aproximan. Aquí a tedes.



Torta tenebrosa



Ingredientes:


Para o biscoito:
  • 200 g de manteiga
  • 200 g de azucre
  • 190 g de fariña
  • 4 ovos
  • 1 cullerada de vainilla
  • 1 cullerada de cacao puro
  • 8-9 g de lévedo en po
Para a decoración:
  • Crema de cacao e abelás
  • Galletas tipo Oreo
  • Galletas rectangulares
  • Chuches de Samaín
  • 2-3 onzas de chocolate

Utensilios: unha cunca, un batedor manual, unha picadora, unha peneira, unha espátula (ou coitelo), unha manga e unha fonte apta para o forno.


Elaboración:


Para comezarmos, temos de bater a manteiga co azucre. 


Engadimos os ovos, un a un. 


Tamén a vainilla. 


Agregamos a fariña, o cacao e o lévedo peneirados e mesturamos moi ben. 


Botamos a mestura nun molde previamente engrasado e enfornamos, co forno prequente, a 180º, calor abaixo e ventilador, durante 35 minutos. Deixamos que arrefríe. 




Desmoldamos e, se queremos, podemos cortar a capa superficial do biscoito para que quere máis plano, e cubrimos todo o biscoito coa crema de abelás. 


Trituramos as galletas, tipo Oreo, e cubrimos a superfie con elas. 



Para continuar coa decoración, derretemos un pouco de chocolate e cunha manga escribimos a palabra "RIP" nas galletas rectangulares (tamén podemos usar un lapis comestíbel), e colocamos unhas chuches de Samaín: cabazas, arañas, esqueletes, gusanos... 


E xa estaría lista para comer! Agardamos que vos guste ;)


Ides ver, que non ha de ser a última. Algo máis temos preparado para o Samaín. Mais xa sabedes que nós encantan este tipo de celebracións. E claro, todo o que sexa festa para aproveitar e crear na cociña... benvido sexa. Que teñades unha boa fin de semana. Forte aperta, bolboreteir@s!

2 comentarios:

  1. Uuuuumm que ricura de tarta ,seguro que está de rexupete 😋
    Os ha quedado de relujo para no variar.
    Bicos mil para los tres y feliz domingo wap@s 😘

    ResponderEliminar