Bo día, bolboreteir@s! Imos pór algo de doce nesta fin de semana chuviosa. Que por certo, xa tocaba!! Éravos moito sol para o que levamos de ano. Ben, imos entón por un clásico da repostaría, as madalenas. Un clásico que nunca pasa de moda por moito que exista a sombra dos cupcakes e dos muffins.
Ademais, as madalenas sempre se prestan moito para cociñar con peques na casa por ese proceso de construción fugaz vivido desde o forno. Ides ver hoxe aquí a versión máis tradicional, sen máis recursos que o do propio sabor achegado pola madalena.
Hai certa escuridade arredor da orixe. Sempre veu triunfando máis a da orixe francesa, cunha campesiña que logrou que rapidamente conquistara a súa creación o Palacio de Versalles. A outra teoría ten Galiza no punto de mira xa que se di que unha rapaza de nome Madalena as vendía no camiño de Santiago tendo a concha da vieira como referente (de aí os moldes e o recheo). Sexa como for, hoxe triunfan en todo o mundo. Ollade que apetecíbel!
Madalenas de vainilla
Ingredientes:
- 240 g de fariña
- 125 g de azucre
- 60 g de aceite
- 3 ovos
- 1 iogur natural
- 1 cullerada de vainilla
- 1/4 de cullerada de aroma de framboesa
- 1 sobre de lévedo en po
- Un chisco de sal
Utensilios: dúas cuncas, un batedor manual, unha peneira cápsulas para madalenas e un molde para madalenas.
Elaboración:
Para comezarmos, temos de peneirar a fariña, o lévedo e o sal. Reservamos.
Noutra cunca, batemos os ovos co azucre até que dupliquen o seu taballo.
Engadimos o iogur e o aceite.
Temén a vainilla e a framboesa. Mesturamos moi ben.
A nosa esencia de framboesa tingue a crema. Imos engadindo pouco a pouco a fariña co lévedo.
Repartimos a masa nos moldes, saíronnos sobre 12. Lembrade non encher máis de 3/4 partes.
Quentamos o forno a 220º, cando estea quente, baixamos a 180º, calor abaixo e ventilador, metemos as madalenas e cociñamos 15-17 minutos.
Deixamos que se atemperen un pouco e xa estarían listas para comer!
Apetecíbeis, non é? Desfrutámolas moitísimo. Pero ollo. Esta receita non remata aquí. Estade atent@s que o martes completamos a receita e imos dar unha sorpresa ben grande coas propias madalenas. Humm, que intriga!! Lémonos, amig@s!
Ningún comentario:
Publicar un comentario