sábado, 9 de febreiro de 2019

Panini de queixo e panceta

Ola, bolboreteir@s!! Como vai todo? Imos tentar pór un pouco de sabor cunha outra receita. Hoxe non hai apenas factor sorpresa xa que nos puxemos a preparar masa e queixo e iso non pode saír mal nunca.
Ben, hai xa uns anos descubrimos nunha pizzaría (cadena) de Viveiro os panini. Realmente os panini en Italia, de onde son orixinarios, son unha especie de sándwich con diferentes recheos mais nós coñecemos esta outra versión ben diferente e é a que temos xa asumida. Este petisco ocupa moito máis lugar do que parece mais ao tempo resulta complexo resistirse a papar uns poucos. Xa sabedes, queixo derretido...
Pasámolo xenial con este tipo de receitas porque, como xa vos dixemos en varias ocasións, somos uns toliños das masas. Adoramos pórnos a amasar pan, pizzas, empanadas ou o que for, así que estes panini, ademais sumamente sinxelos, conforman unha receita divertida e saborosísima.




Panini de queixo e panceta




Ingredientes:


  • Masa de pizza
  • Fariña
  • Panceta
  • Queixo relado
  • Ourego








Utensilios: un rolete, un coitelo, unha bandexa apta para o forno e papel vexetal. 


Elaboración:


Para comezarmos, temos de facer a masa da pizza, a que máis vos guste. Neste blogue tedes moitos exemplos. Nós fixémola con fariña de trigo, auga, lévedo e un chisco de sal. 


Estiramos a masa coa axuda do rolete, nunha superficie enfariñada. 


Engadimos o queixo relado (deixamos un chisco para o final) e a panceta, cortada en tiras finas. Botamos, tamén, o ourego. 


Imos enrolando a masa. 



Cortamos en porcións de 2-3 cm e colocámolos na bandexa de forno cuberta con papel vexetal. 


Botamos un pouco máis de queixo. 


Enfornamos a máxima potencia, colocamos a bandexa o máis abaixo posíbel, até que se derreta o forno, entre 5 e 7 minutos, dependendo do forno. 


E xa estarían listos para comer! Agardamos que vos gusten e que poñades a receita en práctica.


Cantos babexando após a lectura da receita?? De verdade que isto é unha perdición. Tremenda delicia, amig@s! Gozádea inmensamente!!! 

Ningún comentario:

Publicar un comentario