sábado, 17 de marzo de 2018

Pizza con masa de romanesco

A primavera achégase aínda que cada vez parece estarmos sumidos no inverno máis profundo e chuvioso. E aínda que temos ganas de ver saír o sol, tamén desfrutamos e moito deste tempo para preparar todas aquelas receitas que noutros momentos van quedando aprazadas.
Esta semana, de visita ao supermercado reparamos nunha verdura un tanto estraña na que non nos tiñamos fixado nunca: o romanesco. Investigando, descubrimos que é un tipo de brócoli, un dos nosos produtos preferidos así que pintaba ben a cousa.
Comentáranos ademais, hai tempo, un compañeiro de traballo da posibilidade de facer pizza con base de coliflor así que vimos no romanesco unha boa oportunidade para o substituír e probar. Botamos máis tempo do agardado en relar a verdura mais despois todo é mesturar, estirar a masa e agardar o resultado.
Non vos queremos desvelar o que vén, mais este é un dos descubrimentos culinarios do ano, unha pizza tremendamente saborosa que inclúe unha base totalmente diferente na elaboración máis cunha textura moi similar.
Peques, maiores, chegou o momento. A pola pizza!



Pizza con masa de romanesco



Ingredientes:

Para a masa:
  • Romanesco
  • 100 g de mozzarella
  • 1 ovo
Para o recheo:
  • Salsa de tomate
  • Xamón
  • Tomates cherry
  • Mozzarella
  • Pementa moída
  • Ourego

Utensilios: un microndas, unha cunca, un relador, unha bandexa de forno e papel vexetal.


Elaboración:


Para comezarmos, temos que relar o romanesco. 



Metémolo no microndas durante 8 minutos. 


De seguir, engadímoslle o ovo e a mozzarella. Mesturámolo moi ben.


Dámoslle forma á masa sobre papel vexetal. 



Metémola no forno a 180º, co forno prequente, calor arriba e abaixo, durante 20 minutos.


A continuación, botámoslle o tomate e a mozzarella. Nós, tamén, engadimos un chisco de pementa. moída. 


Colocamos as lascas de xamón e os tomates cortados ao medio. 


Enfornamos 5 minutos máis. 



Agardamos que vos guste e que a faigades porque realmente está deliciosa. 


Se xa vos resulta apetecíbel na imaxe, pensade que non representa nin a metade do pracer culinario que achega. Ademais, nós non temos pequech@s na casa, mais pareceunos unha ideaza para lles incorporar verdura á súa dieta da forma máis divertida e saborosa.
Agardamos que gustedes tanto coma nós desta extraordinario pizza. Forte aperta!

2 comentarios:

  1. E el non hai maneira de a facer sen microondas? Agradeceríase para as persoas que non o queremos na casa, coma min.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Olaa! Si, poderías cocelo uns minutos ao vapor ou, se o fas en auga, escoalo moi ben despois para despois ter unha masa consistente!
      Agardamos serche de axuda!
      Apertas e grazas por lernos 😘

      Eliminar