sábado, 24 de febreiro de 2018

Caldo de gloria (Rosalía de Castro)

[...]
Arrimei o pote ó lume
con augua para quentar.
Mentras escaravellaba
na cinza, vin relumbrar 
un ichavo da fertuna... 
Miña Virxe do Pilar! 
Correndiño, correndiño 
o fun en sal a empregar. 
Máis contenta que unhas páscoas 
volvín a porta a pechar
e na miña horta pequena
unhas coles fun catar.
Con un pouco de unto vello 
que o ben soupen aforrar 
e ca fariñiña munda 
xa tiña para cear. 
Fixen un caldo de groria 
que me soupo que la mar, 
fixen un bolo do pote 
que era cousa de envidiar. 
[...]

Estamos de festexo, no día da nosa poeta nacional. Este 24 de febreiro sumámonos á iniciativa da Fundación Rosalía para a elaboración do Caldo de gloria que Rosalía de Castro nos presentou en 1880, no poema "Miña casiña, meu lar" e que refire un dos pratos máis representativos da nosa gastronomía, da cociña tradicional, da casa, familiar.
Precisamente, nos versos que podedes ler por completo aquí, presenta unha figura popular, unha muller que pasa por diversas penurias económicas e que non encontra axuda na veciñanza mais que ten o acubillo do seu humilde fogar, onde executa un caldo con pouca cousa, mais suficiente para se achegar á ledicia. Con moi pouco tamén se pode lograr a felicidade.
Ben, pois esta Rosalía que tanto nos inspira, deixounos as pautas e a provocación para crear por primeira vez o caldo galego, partíndomos da clásica receita de Picadillo, de 1905.



Caldo de gloria (Rosalía de Castro)



Ingredientes:


  • 400-500 g de nabizas
  • 250 g de fabas
  • 2 patacas grandes
  • 30 g de unto/touciño
  • Abundante auga (depende da pota)
  • Sal ao gusto e segundo vai pedindo


Utensilios: unha pota grande con tapa.

Elaboración:


Para comezarmos, temos de deixar a noite anterior as fabas a remollo. De seguir, botámolas nunha pota co unto e engadimos abundante auga, ten que quedar 5-6 cm por encima das fabas. Cociñamos, aproximadamente, 1 hora 30 minutos, coa pota tapada.


De seguir, engadimos as patacas, cortadas en lascas moi finas e, cando estean cocidas, agregamos as nabizas, ben lavadas e cortadas. Botamos tamén o sal e fervemos o caldo 10 minutos máis, mellor sen tapa. 


Probamos se está ao noso gusto e deixamos repousar uns minutos e xa estaría listo para comer!


Agardamos que vos guste este caldo tan representativo da nosa gastronomía que fixemos con respecto e agarimo e que acabamos papando con moita satisfacción. Contade que seguindo estas pautas teredes caldo para 5-6 persoas.


Mil grazas á Fundación Rosalía pola colaboración e parabéns pola iniciativa tanto a eles como a todos os locais e comercios que se sumaron en diferentes puntos de Galiza. Desfrutamos moitísimo con esta elaboración tan literaria que aproxima estas dúas disciplinas que tanto adoramos.
Animámosvos a preparar este clásico para subir puntos de galeguidade (😂) e, sobre todo, a vos adentrar unha e outra vez na obra de Rosalía que dá para saborear intensamente de principio a fin.
Forte aperta, bolboreteir@s!

2 comentarios:

  1. O Caldo ten moi boa pinta, ainda que a miña familia gústalle con máis compango, é dicir, un anaquiño de lacón, orella, ou incluso cachola para acompañalo.
    Bo probeito!!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Si, normalmente tamén se fai con algo de carne, mais neste caso queriamos reproducir a receita de 1905 en honra a Rosalía ;)
      Mil grazas por comentar! Apertas!

      Eliminar